- Máis de 3.800 persoas pasaron polas instalacións de Campaña entre o sábado e o domingo e no municipal de Baño déronse cita case 900 espectadores
- O vindeiro domingo retómase o torneo coas categorías alevín e infantil e arranca a eliminatoria final polo ascenso a Preferente fronte ao Celanova
Valga, 3 de xuño de 2025.
O Cordeiro C.F. viviu unha intensa fin de semana de actividade e éxito deportivo coa vitoria do equipo Sénior no play off de ascenso a Preferente e co comezo do IX torneo de fútbol base nas instalacións de Campaña, que foron un fervedoiro de xente tanto o sábado coma o domingo.
Máis de 3.800 persoas pasaron polo recinto deportivo entre as dúas xornadas, nas que se disputaron as competicións das categorías biberón, prebenxamín, benxamín e cadete. Os resultados foron os seguintes:
Torneo Biberón
1º Posto: CD Unión
2º Posto: SD Urdilde
3º Poso: EFM Boiro
4º Posto: Victoria FC
5º Posto: Cordeiro-Ulla
6º Posto: Catoira SD
Torneo Prebenxamín
1º Posto: SD Compostela
2º Posto: Bertamiráns FC
3º Posto: Cordeiro-Ulla
4º Posto: Xuventude Oroso
A fase de consolación gañouna o AJ Lérez, seguido da AD Nicrariense. Escolas de Fútbol Base da Estrada e o CD Rois.
Torneo Benxamín
1º Posto: CD Conxo
2ª Posto: Bertamiráns FC
3º Posto: AD Nicrariense
4º Posto: ED Santa Marta
Na fase de consolación a clasificación estivo encabezada pola ED Santa Marta B, seguida do Atlético Fátima, Conxo B e Escolas de Fútbol Base da Estrada.
Torneo Cadete
1º Posto: Pontevedra FC
2º Posto: Catoira SD
3º Posto: Compañía de María
4º Posto: Pontevedra FC “B”
O Atlético Cuntis gañou a fase de consolación, o Carnota B foi segundo, e Atlético Oleiros terceiro, seguido do Atlético Fátima.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, participaron nas cerimonias de entrega de medallas, que foron aportadas polo Concello ao igual que os trofeos, feitos polos usuarios do CODI.
O ascenso a Preferente, a tan só un chanzo
O domingo pola tarde actividade futbolística desprazouse ao campo municipal de Baño, onde o equipo sénior disputou o partido de volta da primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Preferente, que rematou con trunfo (2-1) fronte ao Gondomar grazas aos tantos de Falcón, que acadou un gol olímpico, e de Rubén, que converteu un penalti e levou a euforia ás gradas, onde se deron cita case 900 afeccionados. O resultado final da eliminatoria, 3-1, deixa ao Cordeiro a tan só un chanzo de xogar en Preferente, unha categoría “na que nunca estivo o club nos seus 56 anos de historia”, confirma o presidente, José Ramón Seco.
“Tampouco xogara nunca a promoción de ascenso e levamos dúas consecutivas nos últimos anos”, un éxito que atribúe “ao traballo que se leva feito polas sucesivas directivas que estiveron á fronte do Cordeiro, os xogadores que pasaron e todos os socios e colaboradores que nos apoian, que son moitos”. É tamén é consecuencia, engade, “do traballo coa base. O equipo sénior actual está constituído integramente por rapaces de Valga, Pontecesures e Catoira”.
Para a actual directiva os resultados que se están a acadar “son unha satisfacción enorme e compensan o traballo inmenso que se está a facer, con arredor de 300 rapaces na base e dous equipos sénior. É, ademais, un labor social a destacar para Valga, xa que os rapaces edúcanse en valores, aprenden disciplina e compañeirismo”, destaca.
A eliminatoria final polo ascenso dará comezo este domingo en Celanova e o partido definitivo será o 15 de xuño no municipal de Baño.