Accessibility Tools

 

Nunca pensou aquela nena, nacida o 4 de novembro de 1868 en Ponte Valga, que chegaría a ser unha figura tan relevante dentro do panorama artístico dos séculos XIX e XX.

Dende moi pequena deu mostras da súa arte, xa con catorce anos traballaba como bailarina en Lisboa e mais tarde trasládase a Barcelona onde traballou no Palacio de Cristal. Paralelamente entra en contacto coa alta sociedade da época e coñece a artistas como Gaudí, quen comentaba que as curvas da Bella Otero, gardaban certa correspondencia coas dos seus debuxos (“peitos coma balcóns, gárgolas, torres como agullas cara o ceo...”). O corpo da Bella Otero era para Gaudí como “o organismo clásico grego que se opuña ó sistema teolóxico do gótico”. E incluso puido servir de modelos para os bocexos dalgunha das esculturas da Sagrada Familia (Enciclopedia da Emigración Galega). 

A súa relación con este xenio debeu ser moi estreita xa que ela comentaba que tiña gardados debuxos seus e afirmaba que nunca os vendería.

Durante a súa estancia en Barcelona aproveitou non só para incrementala súa fama, senón tamén  para aprender e adquirir maior cultura. Atopou o seu Cicerone particular, un conde moi culto chamado Eusebi que lle ensinou a aprecialo arte, coñecela historia das monarquías europeas e a comportarse nos salóns da aristocracia barcelonesa.

Posteriormente marchou a Marsella e despois a París, que en aqueles anos era a capital da cultura de occidente. Ela vaise coa idea de estudiar baile e chega a sela estrela do Folies Bergére e a actuar no Cirque de Eté. Alí Bonafoux (escritor e periodista hispano-francés)  defínea como “a muller española mais grande que vive no estranxeiro”, e incluso serviu de inspiración para múltiples autores da época como Merimée, Bizet, Meilhac y Harlevy.

A Bella Otero converteuse nun dos estandartes de “Le Belle Epoque” e a súa vida correu paralela a acontecementos históricos de gran relevancia; como o comezo da organización da revolución proletaria por parte de Lenin, o inicio da “Época Azul” de Picasso, a innovación que supuxo Isadora Duncan no mundo da danza,… e xa mais cerca de nos, Pablo Iglesias no parlamento á España Oficial, Valle Inclán publica “Alma Española” e en Galicia danse os primeiros pasos do nacionalismo.

Tal era a súa popularidade que ata Toulouse-Lautrec lle fixo unha obra en pastel, José Martí dedicoulle algún dos seus versos, escriben para ela pantomimas, aparecen artigos sobre ela en periódicos de todo o mundo falando da súa traxectoria profesional, tamén describindo os modelos que lucia, e incluso no deseño dos automóbiles da época se tomaba como modelo os grandes sombreiros da artista.                   

A Bella Otero era unha muller loitadora, fíxose e promocionuse a si mesma, ata chegar a ser unha bailarina coñecida internacionalmente, artista autodidacta, pois a súa arte era máis instintivo que técnico, din que tamén era unha cantante competente e tiña calidade como 

actriz, chegando a representar “Carmen” de  Bizet e  pezas teatrais como Nuit de Nöel 

O escritor galego, Luís Seoane, describíaa así nun dos seus artigos: “Para nós a Bella Otero, foi sempre un dos símbolos de gracia e beleza de Galicia…”.

Marga do Val escolleu Pontevedra para a presentación de “Carolina Otero” por ser esta a cidade na que se coñeceu a orixe galega da famosa bailarina. Foi Renato Ulloa, ala polo 1894, quen recoñeceu nas fotografías que tiña Carmen Otero Iglesias en Valga, a aquela moza que tiña visto retratada en múltiples revistas sobre o ambiente galante Parisino.

Estas publicacións acostumaban a miralas nas tertulias que mantiñan coa familia Muruáis. «Eles descubriron que a Bela Otero era aquela rapaza que se chamaba Agustina e que marchara de Valga -sinalou Do Val- Así que me pareceu que tiña que ser aquí onde presentase o libro».

A fascinación que este mítico personaxe exerceu dende o pasado século materializouse nos últimos anos en varias biografías. “Creo que é algo casual –engade a autora-. A min, Otero fascinoume dende os dez anos, cando atopei un señor que a coñecera en Buenos Aires. Gardaba incluso un mechón de pelo e contaba moitas historias. Pregunteime: ¿que ten esta muller?».

Despois de anos de investigación que a levaron a Italia, Francia ou Alemaña, Marga do Val ten agora a resposta: “para min, o máxico da Bella Otero foi como puido chegar de Valga a París no século XIX”. “Se xa en París era difícil chegar a cortesá, hai que imaxinar o seu caso -agregou-. Creo que era unha muller moi intelixente. Sen ir á escola, chegou a falar francés, inglés e incluso din que chapurreaba alemán».

Pero ademais, o libro da escritora galega afondaba nunha das facetas menos documentadas de Carolina Otero, a de actriz. «Que ela foi a primeira actriz galega e unha das primeiras actrices do cine non estaba en ningunha biografía -sinalou Do Val-. En San Petersburgo propuxo a un realizador que tomaba imaxes da cidade que a gravase. E mentres saían as súas imaxes, ela facía un taconeo, co que sabía que o son ía por separado dos fotogramas».

Artigos

Outra destacada aportación é a información recollida da prensa. Por algúns artigos, entre eles un de Aurelio Aguirre, coñecemos datos sobre a súa estancia en Santiago sobre 1880, a súa constante preocupación pola súa nai, á que mandaba dende París unha pensión de duascentas pesetas ó mes. Outro periódico faise eco do colapso telefónico provocado polos lectores que querían saber a hora na que a Otero ía montar en globo en París, ou o seu intento fallado de que a recibise o Papa.

Ós 96 anos Carolina Otero faleceu en Niza. Apareceu tirada no chan da cociña, onde preparaba coello, “pero quixen darlle dignidade e aproveitei que tamén se dixo que había un escape de gas para afirmar que ela decidiu morrer ese 10 de abril».

O investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo viu a luz en Santa Comba de Louro (máis coñecida por Cordeiro), pertencente ao concello pontevedrés de Valga, en 1906.

Entrou no seminario compostelán en 1918, e, tras simultanear estes estudos cos de Filosofía e Letras ?na sección de Historia?, conseguiu doutorarse na Universidade Pontificia. Nesta altura o Ferro Couselo universitario, moi interesado pola prehistoria (o influxo do seu tío Xosé Couselo Bouzas, arqueólogo e historiador, resultaría determinante na súa traxectoria), faría relación cos membros da xeración do Seminario de Estudos Galegos, decidindo non continuar coa carreira eclesiástica.

En 1931, ao tempo en que principiaba o seu traballo como profesor nun colexio vigués, comezou a colaborar na revista Logos (de ideoloxía galeguista e cristiá) e participou en Pontevedra na fundación do Partido Galeguista. Transladado en 1935 como profesor interino ao instituto de Tui, creou nesta vila a revista Tude (que el mesmo dirixiría) coa colaboración dos irmáns Álvarez Blázquez, alumnos seus. Un ano depois foi elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas, mais, co obxecto de preparar as oposicións, tivo que establecerse en Madrid, onde o sorprendeu a sublevación militar. Ficou na capital española durante o conflito, traballando con diferentes entidades (a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella) e formando parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.

     Unha vez finalizada a guerra e tras gañar unha praza no corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, retornou a Galiza e instalouse en Ourense. Nesta cidade realizou un valiosísimo labor en defensa do noso patrimonio histórico e artístico, como director do Museo Arqueolóxico Provincial (xestionou a súa ubicación no palacio episcopal e acrecentou considerabelmente os seus fondos); iniciou tamén a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e do Boletín Auriense (1972-1981). Na súa faceta de animador cultural destaca o seu papel na fundación en 1950 da revista Posío. Arte y Letras e anos máis tarde, en 1967, da Asociación Cultural Auriense. Tamén traballou como arqueólogo, partillando excavacións con Xaquín Lorenzo.

     En 1951 accedeu á Real Academia Galega (desde onde apoiou en 1963 a iniciativa de Fernández del Riego para instituir o dezasete de maio como Día das Letras Galegas) e un ano despois, en 1952, publicou a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo Valledor, baixo o título de Los petroglifos de términos y las insculturas rupestres.

     Aínda que publicou en galego e español diferentes artigos históricos, etnográficos, artísticos e lingüísticos en xornais e revistas (Logos, Compostellanum, La Noche, Fin de Semana, La Región, a revista portuguesa Bracara Augusta), a súa única obra editada en volume será A vida e a fala dos devanceiros (recompilación de textos dos séculos XIII e XIV), que Galaxia ?en cuxa fundación participara? deu a coñecer no ano 1955.

     Ferro Couselo faleceu na cidade das Burgas en 1975, sendo enterrado na súa aldea natal. O Día das Letras Galegas de 1996 dedicouse á súa homenaxe.

Frei Xosé Isorna Ferreirós, Padre Isorna, naceu en Cordeiro o día 29 de maio de 1921. Ordenouse sacerdote o 31 de maio de 1947

Foi profesor de Humanidades no Seminario de Herbón (Padrón), profesor de elocuencia Sagrada no Teologado Franciscano de Santiago de Compostela, Director da Revista “El Eco Franciscano”, Delegado Diocesano de Comunicación Social e Responsable da Santa Misa en galego na TVG, sendo un colaborador cotián da prensa galega.

O 25 de xuño de 1967 é elixido Membro correspondente da Real Academia Galega. Un home comprometido coa galeguización da Igrexa en tempos complicados para o idioma de Galicia, tratou a intelectuais como Castelao, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro.

Dende  a humildade e a austeridade franciscana, foi un dos maiores promotores da defensa da lingua galega na Liturxia, a súa relación co galeguismo quedou  patente nas homilías fúnebres que pronunciou nos funerais de Xosé Ferro Couselo, Ramón Otero Pedrayo ou Sebastián Martínez-Risco, quen faleceu en 1977 sendo presidente da Real Academia Galega.

En sesión plenaria celebrada o día 9 de maio de 1997, o Pleno do Concello de Valga acordou nomear a Xosé Isorna Ferreirós, Fillo Predilecto do concello de Valga.

Finou o 26 de abril de 2016, aos 94 anos de idade. Está soterrado no cemiterio parroquial da igrexa de Santa Comba de Cordeiro, debaixo dun ciprés que plantara o seu pai.

boton cita previa sede

boton extensions

boton obradoiro

Volver