Accessibility Tools

Os primeiros vestixios de ocupación humana en Valga datan da Idade de Bronce (1800-600 a. C.), período ao cal pertence o Petróglifo de Camporredondo, máis coñecido como Petróglifo das Serpes. Os castros da Roda do Castro (en Setecoros) e O Castro (en Cordeiro) son testemuña da cultura castrexa do século VI a. C - II d. C.

O últimos achados en escavacións arqueolóxicas constatan unha importante ocupación baixo o dominio do Imperio Romano. En Igrexa Vella atópase un forno de produción vítrea que demostra unha actividade produtiva artesanal con afán comercial e, en Mercado dos Mouros, verifícase un intercambio comercial, convertendo a este enclave nun porto fluvial de gran relevancia para o estudo, non só do río Ulla, senón de toda a comarca nesta época.

As terras do concello estiveron, durante o Antigo Réxime, baixo as xurisdicións de Cordeiro e Padrón, pertencentes ao señorío do arcebispado de Santiago. A principios do século XIX, durante a Guerra da Independencia contra os franceses, desencadeouse unha cruenta batalla en Casal do Eirigo. Nela, os nosos veciños e veciñas, acaudillados por Pablo Morillo e o cura Concha, derrotaron ás tropas de Ney e Maucune, que se viron obrigadas a retroceder ata Pontecesures.

O concello, como entidade,  xurdiu coa división municipal de 1821, emanada das Cortes de Cádiz. A localidade levou o nome de Cordeiro ata a división municipal de 1836, data na cal se lle asignou o topónimo actual. No ano 1925 perdeu parte do seu territorio pola segregación da parroquia de San Xulián de Requeixo (hoxe Concello de Pontecesures).

Na actualidade, os traballos arqueolóxicos nos xacementos de Igrexa Vella e Mercado dos Mouros, permítennos indagar no noso pasado e seguir descubrindo cousas da xente que habitou Valga. 

 petroglifo historia

PETRÓGLIFO DE CAMPORREDONDO (PEDRA DA SERPE)

 

 

boton igrexa vella

boton cita previa sede

boton extensions

boton tempo

boton obradoiro

Volver