Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Máis de 3.800 persoas pasaron polas instalacións de Campaña entre o sábado e o domingo e no municipal de Baño déronse cita case 900 espectadores

- O vindeiro domingo retómase o torneo coas categorías alevín e infantil e arranca a eliminatoria final polo ascenso a Preferente fronte ao Celanova

IXTorneoCordeiro1

Valga, 3 de xuño de 2025.

O Cordeiro C.F. viviu unha intensa fin de semana de actividade e éxito deportivo coa vitoria do equipo Sénior no play off de ascenso a Preferente e co comezo do IX torneo de fútbol base nas instalacións de Campaña, que foron un fervedoiro de xente tanto o sábado coma o domingo.

Máis de 3.800 persoas pasaron polo recinto deportivo entre as dúas xornadas, nas que se disputaron as competicións das categorías biberón, prebenxamín, benxamín e cadete. Os resultados foron os seguintes:

Torneo Biberón

1º Posto: CD Unión

2º Posto: SD Urdilde

3º Poso: EFM Boiro

4º Posto: Victoria FC

5º Posto: Cordeiro-Ulla

6º Posto: Catoira SD

Torneo Prebenxamín

1º Posto: SD Compostela

2º Posto: Bertamiráns FC

3º Posto: Cordeiro-Ulla

4º Posto: Xuventude Oroso

A fase de consolación gañouna o AJ Lérez, seguido da AD Nicrariense. Escolas de Fútbol Base da Estrada e o CD Rois.

Torneo Benxamín

1º Posto: CD Conxo

2ª Posto: Bertamiráns FC

3º Posto: AD Nicrariense

4º Posto: ED Santa Marta

Na fase de consolación a clasificación estivo encabezada pola ED Santa Marta B, seguida do Atlético Fátima, Conxo B e Escolas de Fútbol Base da Estrada.

Torneo Cadete

1º Posto: Pontevedra FC

2º Posto: Catoira SD

3º Posto: Compañía de María

4º Posto: Pontevedra FC “B”

O Atlético Cuntis gañou a fase de consolación, o Carnota B foi segundo, e Atlético Oleiros terceiro, seguido do Atlético Fátima.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, participaron nas cerimonias de entrega de medallas, que foron aportadas polo Concello ao igual que os trofeos, feitos polos usuarios do CODI.

O ascenso a Preferente, a tan só un chanzo

O domingo pola tarde actividade futbolística desprazouse ao campo municipal de Baño, onde o equipo sénior disputou o partido de volta da primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Preferente, que rematou con trunfo (2-1) fronte ao Gondomar grazas aos tantos de Falcón, que acadou un gol olímpico,  e de Rubén, que converteu un penalti e levou a euforia ás gradas, onde se deron cita case 900 afeccionados. O resultado final da eliminatoria, 3-1, deixa ao Cordeiro a tan só un chanzo de xogar en Preferente, unha categoría “na que nunca estivo o club nos seus 56 anos de historia”, confirma o presidente, José Ramón Seco.

“Tampouco xogara nunca a promoción de ascenso e levamos dúas consecutivas nos últimos anos”, un éxito que atribúe “ao traballo que se leva feito polas sucesivas directivas que estiveron á fronte do Cordeiro, os xogadores que pasaron e todos os socios e colaboradores que nos apoian, que son moitos”. É tamén é consecuencia, engade, “do traballo coa base. O equipo sénior actual está constituído integramente por rapaces de Valga, Pontecesures e Catoira”.

Para a actual directiva os resultados que se están a acadar “son unha satisfacción enorme e compensan o traballo inmenso que se está a facer, con arredor de 300 rapaces na base e dous equipos sénior. É, ademais, un labor social a destacar para Valga, xa que os rapaces edúcanse en valores, aprenden disciplina e compañeirismo”, destaca.

A eliminatoria final polo ascenso dará comezo este domingo en Celanova e o partido definitivo será o 15 de xuño no municipal de Baño.

IXTorneoCordeiro2 IXTorneoCordeiro3

Volver