Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O equipo formado por Lucía Fariña, Isabel Rita Catoira e Carla Rodríguez foi o mellor dos 243 grupos de toda Galicia que participaron no certame

- O goberno municipal trasládalles os parabéns de toda a veciñanza, xa que “para Valga é un orgullo contar con mozas tan ben preparadas”

ConcursoOdisea2020

Valga, 14 de febreiro de 2020.

O IES de Valga proclamouse campión galego na VI edición do concurso “Odisea” de cultura clásica.

O grupo formado por Isabel Rita Catoira Senín, Lucía Fariña Potel e Carla Rodríguez Cordo, alumnas de Latín e Grego de 1º curso de Bacharelato, proclamouse campión tras gañar tanto na fase local como na final galega. Concursaron baixo o nome grego Stratiatai, que significa “as guerreiras”.

A final celebrouse no IES de Chapela, con cinco grupos finalistas pertencentes a centros educativos de Valga, Redondela, Melide, Vila de Cruces e Oleiros. As “guerreiras” valguesas foron as únicas que deron con todas as respostas ás cuestións formuladas. Agora agárdalles un novo reto: participar na final estatal, que se desenvolverá o vindeiro mércores, día 19, e na que competirán outros once grupos autonómicos.

O concurso “Odisea”, que se celebra anualmente, premia os coñecementos do alumnado sobre a Antigüidade Clásica e nel formúlanse un número variable de preguntas ás que se debe responder nun tempo limitado. Este ano o certame centrouse no “Deporte en Grecia e Roma” e participaron 243 grupos de toda Galicia.

A directora do IES de Valga, Dolores Rego Balsa, amosou unha grande satisfacción polo logro das súas alumnas, lembrando que o centro xa accedera en anteriores edicións á final galega, gañándoa en 2016 e sendo finalista tamén na fase estatal. Isto “só pode ser froito do intenso traballo do alumnado participante e do magnífico labor do profesor Raúl Gómez Pato”, quixo destacar.

O goberno municipal, e moi especialmente a Concellería de Educación, quere trasladar os seus parabéns a Isabel Rita, Lucía e Carla en nome de toda a veciñanza, xa que “para Valga é un orgullo contar cunha mocidade tan comprometida e preparada”.

ConcursoOdisea2020

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver