Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A ampliación da estrutura hidráulica baixo a estrada xa rematou e estase cos preparativos para executar o último tramo de gavións

- A Xunta de Galicia está a investir preto dun millón de euros para previr os asolagamentos no lugar da Devesa

subdirectoraugasSoutiño2

Valga, 14 de decembro de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañou esta mañá ao subdirector de Augas de Galicia, Roberto Arias, nunha visita á Devesa para comprobar o estado das obras que a Xunta de Galicia está a executar no río Soutiño para dar solución aos problemas de enchentes que afectaban ao lugar.

A administración autonómica está a investir preto dun millón de euros neste proxecto que encara a súa última fase de execución. Nos últimos meses a empresa adxudicataria, Ogmios Proyecto, levou a cabo traballos de encauzamento do regato co obxectivo de mitigar os efectos dos asolagamentos. No tramo emprazado augas arriba da estrada ensanchouse a capacidade do río, construíronse gavións laterais e elimináronse a vexetación e o arborado do cauce que obstaculizaba a circulación da auga. Por último, acometeuse unha nova plantación de especies arbóreas nas marxes.

Outra das actuacións principais executouse na confluencia do río coa estrada que dá acceso ao núcleo da Devesa dende a igrexa de Campaña. Ampliouse a estrutura hidráulica existente baixo a estrada, para aumentar a súa capacidade e evitar o efecto barreira que producía ata o de agora. O anterior tubo de 1.500 milímetros de diámetro substituiuse por un novo marco de 4x1'5 metros, con capacidade suficiente para a avenida de 100 anos de período de retorno

Un terceiro tramo de obras conlevou o ensanche do cauce na zona ubicada tralas vivendas, onde varias construcións a carón do río reduciran a súa anchura a menos dun metro nalgúns puntos. Nas vindeiras semanas comezará a executarse a última fase do proxecto, consistente na construción de gavións ata preto da confluencia co río Valga, a limpeza do cauce e a plantación de árbores de ribeira. O resultado será idéntico ao do tramo situado augas arriba da estrada.

Os propietarios de terreos emprazados a ambas marxes do río xa manifestaran no seu día a súa vontade de ceder os terreos precisos, algo que redundará en beneficio das súas propias fincas xa que os muros laterais que se construirán exercerán como barreiras para protexelas da auga. O Concello agradece a todos os propietarios a súa colaboración para poder executar esta obra importante e necesaria para acabar coas enchentes na zona.

subdirectoraugasSoutiño1

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver