Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Achegáronse á ponte do Souto, á igrexa de Campaña, ao xacemento Mercado dos Mouros e á praia fluvial de Vilarello

- A camiñata rematou cunha visita ao Belén Artesanal en Movemento

ullla2

Valga, 8 de setembro de 2018.

Sesenta persoas participaron esta mañá na ruta de sendeirismo “O val do Ulla”, que percoreu as parroquias de Campaña e Cordeiro para promocionar o patrimonio natural e cultural vencellado ao río Ulla.

A camiñata, duns dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-baixa, comezou nas instalacións do Belén Artesanal en Movemento. Dende alí os sendeiristas dirixíronse á ponte do Souto, de orixe medieval. Trátase dunha ponte de pequenas dimensións pero de construción coidada e robusta feita en bloques de sillería de granito. Cruza o río Valga e forma parte do Camiño Real Santiago-Tui.

A seguinte parada tivo lugar na igrexa de Santa Cristina de Campaña, un templo románico do século XI formado por unha única nave sen cruceiro, ábside prismático e nave lateral de menor altura e época posterior na que se sitúa a sacristía. Na actualidade o campanario está separado da igrexa, xa que o antigo derrubouse a consecuencia dun raio.

A igrexa conserva no seu interior unhas valiosas pinturas murais do século XVI, que teñen un gran interese polo seu tamaño e proporcionalidade das fituras e por reflectir a forma de traballar dos artesáns da época. Dende hai uns anos o templo tamén alberga unha reliquia de Santa Cristina. O párroco Manuel Míguez foi o encargado de explicar aos sendeiristas as peculiaridades desta igrexa.

Seguindo pola ribeira do Ulla, os camiñantes deixaron atrás a parroquia de Campaña e adentráronse na de Cordeiro para achegarse ao Mercado dos Mouros, un xacemento romano a través do que se poden chegar a coñecer os costumes, usos e aproveitamentos dos galaicos que alí viviron entre o século I a.C. e o IV d.C. Os restos aparecidos durante as escavacións arqueolóxicas que se realizaron nos últimos anos revelan que era un lugar moi vencellado ao comercio. Con todo, a peculiaridade do lugar ten más que ver coa súa localización, no que antano foi un pequeno illote no río Ulla.

A praia fluvial de Vilarello foi o seguinte escenario da ruta. Alí, os participantes atopáronse de cheo co río Ulla, coa súa flora e fauna que constitúen un ecosistema de gran valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000. O acondicionamento da zona e as súas instalacións, fan desta unha área recreativa óptima para as actividades de lecer de veciños e visitantes.

Despois dunha breve parada para repoñer forzas, a camiñata dirixiuse por Vilarello, Moldes e As Eiras cara a igrexa de Santa Comba de Cordeiro. Construída en 1733, é de estilo barroco e posúe o título de colexiata. No seu cemiterio está enterrado un dos valgueses máis ilustres, o investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga a quen se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1996.

Tamén alí descansan os restos doutro veciño ilustre do municipio, intelectual e gran defensor do galego: o Pai Isorna. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e publicou numerosos textos relacionados coa espiritualidade e tamén con Galicia. Asi mesmo, exerceu durante décadas como delegado diocesano de Medios de Comunicación Social do Arcebispado de Santiago.

De regreso cara ao punto de partida, os sendeiristas visitaron os parques da Canle e Barcia, gañadores na pasada Festa da Anguía dos dous primeiros premios do concurso Embelecer Valga. O punto e final púxoo unha visita ao Belén Artesanal en Movemento.

ullla0 ullla1

 ullla3 ullla4

ullla5 ullla6

ullla8 ullla9

ullla10 ullla11

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver