Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Marcharon de Senín en 1950 cos seus pais e nunca, dende entón, puideran volver á súa terra

- O alcalde recibiunas na Casa do Concello e agasallounas cun dos libros gañadores do Premio Ferro Couselo que trata sobre a emigración

emigrantes1

Valga, 31 de agosto de 2018.

Habia 68 anos que non pisaban a súa terra natal desde que emigraron a Arxentina con 5 e 2 anos de idade. Apenas lembraban nada da súa nenez en Senín (Xanza) e ao regresar descubriron unha Valga "belísima, chea de lugares fermosos" e unha familia moi numerosa á que apenas coñecían.

Son as irmás María del Carmen e Lucía Chenlo, que este mes de agosto viaxaron a Galicia dende Quilmes e Berazategui, na provincia de Bos Aires, para reencontrarse coas súas orixes. En 1950 marcharon de Valga cos seus pais, José Chenlo Castromán e Carmen Liste Chan, e xa nunca volveran. Só seu pai tivo oportunidade de viaxar á súa terra en 1982.

Neste tempo mantiveron o contacto coas súas primas carnais, primeiro por correspondencia, despois por teléfono e máis recentemente a través das redes sociais. A neta dunha destas curmás, azafata de voo, foi a artífice deste reencontro. Nunha viaxe a Arxentina decidiuse a coñecer á súa familia de ultramar e foi entón cando comezou a medrar en María del Carmen e Lucía a curiosidade por coñecer aos seus parentes valgueses.

O 9 de xuño, case sete décadas despois de marchar, as irmás Chenlo puxeron rumbo a Galicia acompañadas polo fillo de María del Carmen, Joaquín, e a parella deste, Lorena. O reencontro foi do máis emocionante, cunha nutrida delegación de Valga recibíndoos no aeroporto da Lavacolla con pancarta incluída, feita polos máis pequenos da familia e que rezaba "Benvidos primos Chenlo".

Uns días despois reuníronse máis de sesenta persoas nunha comida e, aínda que o principal motivo da viaxe era coñecer á familia, nestas semanas tamén tiveron tempo para facer turismo. En Valga visitaron as fervenzas de Parafita ou o petróglifo Pedra da Serpe, gozaron coas vistas panorámicas dende o alto do Monte dos Salgueiros e participaron na Festa da Anguía, entre outras actividades. Tamén se moveron por Galicia, con escapadas á Costa da Morte, Santiago, A Coruña ou a Praia das Catedrais.

Esta semana as emigrantes valguesas foron recibidas no Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, que as agasallou cun dos libros gañadores do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo que trata sobre a emigración. "Emigración de retorno e dinámicas sociopolíticas locais na Galicia rural", de Raúl Soutelo. Tamén lles entregou unha bandeira e un pin co escudo de Valga e, a través delas, mandoulles saúdos a todos os valgueses na Arxentina.

Onte María del Carmen e Lucía remataron a súa estadía no municipio e puxeron rumbo de novo a América. "A nosa xente está tola porque cheguemos e lles amosemos fotos da familia valguesa", dicían antes de partir.

emigrantes2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver