Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Visitou as empresas URO e Extrugasa acompañado polo rexedor local, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez

- Mañá os dous alcaldes asinaran un memorando de irmandamento durante os actos da Festa da Anguía

valkaa1

Valga, 24 de agosto de 2018.

O alcalde de Valka (Letonia), Vents Armands Krauklis, está a realizar a súa primeira visita institucional a Valga con motivo da celebración da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Na mañá de hoxe, o rexedor letón coñeceu parte do sector industrial valgués con visitas a dúas das empresas punteiras do municipio. Estivo acompañado polo alcalde local, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, e o técnico municipal Santiago Chenlo.

Achegáronse en primeiro lugar a URO, factoría adicada ao deseño, fabricación e comercialización de vehículos especiais e todoterreo, que está asentada en Valga dende o ano 2014 e que conta con máis 200 empregados. As súas instalacións, nas que actualmente están a acometer unha ampliación, acadan unha superficie de 12.000 metros cadrados. URO ten presencia en 26 países do mundo cos seus principais produtos:  o vehículo de alta mobilidade táctica (Vamtac), o camión todoterreo (TT URO) e o vehículo todoterreo  lixeiro (Vamtac Lite), todos con aplicacións militares pero tamén civís, xa que son empregados como vehículos policiais, contra incendios, de emerxencias, ambulancias, máquinas quitaneves, recollida de basuras, traballos agrícolas e forestais ou mantemento viario e actuacións en liñas férreas ou de metro, entre outras capacidades. Dende 1984 subministra vehículos ao Ministerio de Defensa español.

A segunda industria que visitaron foi Extrugasa, empresa que é referencia mundial no sector da extrusión de aluminio. Nos 180.000 metros cadrados de superficie que ocupa en Campaña dá emprego a máis de 700 persoas. Extrugasa caracterizouse na súa traxectoria por incorporar a tecnoloxía máis innovadora, sempre anticipándose á demanda de novos acabados, deseños ou tendencias aplicadas ao aluminio.

Logo de percorrer estas dúas factorías, o rexedor de Valka destacou o gran nivel do sector empresarial local, co que isto supón de impulso para a economía local.

Ademais, Vents Armands Krauklis tivo oportunidade de coñecer hoxe algúns dos recursos turísticos cos que conta Valga. Un dos principais, o Belén Artesanal en Movemento, unha montaxe integrada por arredor de 4.500 figuras dispostas nunha superficie de 400 metros cadrados feitas todas de xeito artesanal polos integrantes da Asociación Amigos do Belén. No pasado Nadal achegáronse a velo máis de 42.000 persoas e aínda agora no verán segue a recibir visitas constantes. O alcalde letón amosouse abraiado pola cantidade de figuras e pola peculiaridade do nacemento.

A visita institucional do rexedor de Valka continúa durante a fin de semana. Mañá participará nos actos centrais da Festa da Anguía e Mostra da Caña. Ás 21 horas, trala recepción de autoridades na Casa do Concello, Vents Armands Krauklis e José María Bello Maneiro asinarán un memorando de irmandamento en catro idiomas: galego, castelán, inglés e letón. O alcalde letón recibirá, ademais, de Bello Maneiro unha placa conmemorativa da súa primeira visita institucional a Valga e asinará no Libro de Ouro do Concello.

valkaa2 valkaa3

valkaa4 valkaa5

valkaa6

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver