Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O goberno reitera que as comisión contan con informes favorables de Secretaría e Intervención e lamenta que a oposición só intente "desprestixiarnos e difamarnos"

- “Os votos gáñanse traballando e facendo xestións para os veciños, e non acudindo aos xulgados e desprestixiando”

roldaprensa1

Valga, 10 de agosto de 2018.

O xulgado vén de arquivar por segunda vez a denuncia presentada polos socialistas de Valga contra o equipo de goberno polas comisións de coordinación. A xuiza, seguindo o criterio da Fiscalía, desestimou o recurso que  presentaran os concelleiros socialistas co único propósito de seguir "desprestixiando e difamando a este equipo de goberno".

O alcalde, José María Bello Maneiro, o tenente alcalde, Román Castro, as concelleiras de Educación e Emprego, Carmen Gómez, Benestar Social, Begoña Piñeiro, e Xuventude e Turismo, Ramona Otero, e edil de Facenda, José Ángel Souto, compareceron esta mañá para dar conta da resolución xudicial. "Nós sempre respectamos a legalidade e sempre mantivemos que as comisións de coordinación son legais, porque dende 1991 contaron co visto bo de Secretaría e Intervención".

As comisións son aprobadas cada ano xunto cos orzamentos do Concello, a súa constitución é levada a Pleno "e cada pago que se efectou nestes anos contou coa conformidade de todos os secretarios e interventores que tivo o Concello de Valga, que foron moitos: cinco secretarios e interventores con habilitación nacional e dous secretarios nomeados pola Xunta de Galicia e licenciados en Dereito, ademais dos actuais secretario e interventor, tamén habilitados nacionais e de superior categoría á que lle corresponde a Valga". O máis revelador para o equipo de goberno é que “no ano 1991 creouse a primeira comisión  de coordinación cos votos a favor dos dous concelleiros do PSOE. E, aínda máis recente, no ano 2011 un dos denunciantes tamén votou a favor destas comisións. Que unha persoa que vota a favor da creación dunha comisión, despois a denuncie demostra cal é o interese que teñen estes concelleiros: o de embarrar e enredar”.

Pero con independencia da súa legalidade, agora ratificada por dúas resolucións xudiciais, o goberno sempre defendeu que as comisións de coordinación "son imprescindibles para o bo funcionamento e organización do Concello". O alcalde fai un paralelismo coa empresa privada, "na que todos os responsables de área teñen que ter coñecemento das funcións e traballo que realizan o resto de departamentos para que haxa unha correcta coordinación que permita acadar resultados óptimos. Se a oposición descoñece como funcionan as empresas privadas, deberían aprendelo".

"Lamentablemente e durante máis de dous anos tivemos que escoitar e ler unha barbaridade de descalificacións, insultos e faltas de respecto cara ao equipo de goberno, tanto na prensa como, sobre todo, nas redes sociais, onde parece que non hai límites e que todo vale. Pero agora, por segunda vez, tanto o fiscal como a xuíza arquivan de novo a denuncia". Por iso, engade o goberno local, "esperamos que aos socialistas lles entre dunha vez o sentido común, porque os votos gáñanse traballando e facendo xestións para os veciños, non nos xulgados e con descalificacións".  Non obstante, "coñecendo a estes concelleiros e como todo o que fan é por motivos políticos, non nos estranaría nada que recurriran de novo a decisión do xulgado ante a Audiencia Provincial, porque o único que queren é manter aberto este expediente a costa do que sexa porque lles convén de cara ás eleccións municipais do próximo ano”.

"Os concelleiros socialistas de Valga o único que están a facer dende o comezo da lexislatura é xudicializar a actividade do Concello en lugar de traballar para mellorar o pobo e a calidade de vida dos seus veciños. Temos claro que van a continuar nesa liña porque o único que pretendían con esta denuncia era conseguir unha fotografía deste goberno indo a declarar aos xulgados. Só con iso éralles suficiente", aseguran os edís do goberno local.

Ao seu entender, a actitude da oposición responde "ao odio e á envexa. É unha auténtica persecución personal e política, aproveitando tamén as redes sociais. Esperamos que, cando corresponda, paguen as consecuencias e respondan cos cartos dos seus petos o que nós estamos a gastar para a nosa defensa. Só o fan por intereses espúreos e políticos destes concelleiros”.

A este respecto, o grupo de goberno lamenta que os concelleiros socialistas, dos que por certo, dous non son de Valga, antepoñan os intereses do seu partido aos intereses xerais dos veciños. "Así o están a facer co CODI, tendo que ser o Concello o que soporta todos os gastos do centro para discapacitados logo de retirarlle as axudas a Deputación. Tamén ocorre co edificio administrativo, polo que o xulgado admitiu o recurso contencioso administrativo do Concello contra a Deputación por denegarlle a axuda solicitada. E, o que é máis denigrante e grave, é que incluso van en contra da creación de solo industrial para que poidan implantarse novas empresas e da creación de postos de traballo en Valga”.

A preguntas dos xornalistas, o alcalde explicou que “ este non é o único caso de denuncias por parte dos actuais concelleiros socialistas. Houbo múltiples denuncias ante a Valedora do Pobo e todas foron arquivadas. Tamén denunciaron ante a Fiscalía ao respecto dun funcionario pretendendo involucrar tamén  ao alcalde a algún concelleiro do equipo de goberno. Esta persoa estaba pasando por unha situación de enfermidade grave e tivo que ir a declarar ante o fiscal por unha denuncia falsa, que quedou arquivada sen nin sequera chegar ao xulgado”. Bello Maneiro resumiu dicindo que “chove sobre mollado porque non houbo mes nesta lexislatura no que os concelleiros da oposición non presentaran unha denuncia”.

roldaprensa2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver