Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A escasa colleita motivou que as dúas actividades se realizasen na mesma xornada

- Esta é a décima edición dos Encontros Interxeracionais que se celebra en Valga

sega1

Valga, 9 de agosto de 2018.

A sega do trigo reuniu hoxe no lugar de Ferreirós, na parroquia de Cordeiro, a distintas xeracións de veciños de Valga que participaron nunha mañá de traballo para os máis maiores e de aprendizaxe para os rapaces. Esta actividade de recuperación das tradicións agrarias e de conservación do patrimonio cultural local enmárcase dentro do X Encontro Interxeracional que dou comezo no pasado mes de maio coa sementeira. Trátase dunha iniciativa que promove a convivencia entre veciños a través das lembranzas e da experiencia dos maiores e nela colaboran os colectivos A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor.

Os nenos que participan na Escola de Verán municipal dividíronse en grupos para escoitar as explicacións dos maiores relativas á sega, unha tarefa que antano se realizaba de xeito completamente manual, sen axuda de maquinaria. Foron unha docena os maiores que exerceron de mestres, tanto teóricos como prácticos, para os rapaces de entre 5 e 14 anos de idade. Algúns deles descoñecían como se levaba a cabo esta laboura agrícola hai décadas, cando non había maquinaria que a fixera máis levadeira.

Ademais, a sega non se limitaba só a apañar o trigo e atalo en monllos, senón que a continuación e antes da malla aínda había moito que traballar. Primeiro había que “arraposalo” deixando as espigas tapadas ata o día seguinte, cando volvían co carro a recoller todo o cereal para poñelo a secar na eira. Colocábase ao sol para que se abrira o trigo e que o gran se desprendera con máis facilidade á hora de mallar.

A colleita deste ano non foi das mellores. O trigo plantouse tarde debido ás constantes chuvias da primavera e a climatoloxía despois tampouco axudou. Por iso se realizou tamén esta mañá unha pequena representación da malla na propia finca de Ferreirós na que se fixo a plantación. A malla é un dos pasos máis chamativos do proceso do trigo, polas peculiares ferramentas que se empregan, os manles, e o son que producen ao bater contra o cereal espallado no chan para conseguir que os grans se desprendan das espigas. Logo de ver a demostración dos participantes máis veteranos, algúns nenos non dubidaron en botar tamén man do manle para probar a bater no trigo.

A xornada de traballo rematou cunha merenda a base de empanadas, chourizos, queixo e sardiñas á sombra dunha viña.

sega2 sega3

sega4 sega5

sega6 sega7

sega8 sega9

malla1 MALLA2

malla3 malla4

malla5 malla6

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver