Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O xurado destaca a calidade das súas investigacións: "A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística" e "A organización do espazo na antiga diócese de Tui ao norte do Miño"

- Na segunda modalidade o proxecto premiado foi "A casa da Palma", de José Casal Porto

xuradofc2

Valga, 30 de xullo de 2018.

Dous traballos sobre xustiza civil na época preestatística e a organización do terrirorio na antiga diócese de Tui son os gañadores do XIX Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

Hoxe 30 de xullo, no día no que se cumpren 112 anos do nacemento do Fillo Predilecto de Valga, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado día 23 na Casa do Concello e que, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

Na primeira modalidade o tribunal concedeu o premio ex aequo a dúas obras da autoría das historiadoras Mónica Fernández Armesto e Mariña Bermúdez Beloso. A decisión, tal e como recolle a acta, obedeceu "á calidade" dos dous traballos, titulados "A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística" e "Ad tudensem ecclesias que in vicino sunt: A organización do espazo na antiga diócese de Tui ao norte do Miño". Deste xeito, as autoras repartiranse o premio económico de 4.000 euros e o Concello publicará as dúas obras.

No tocante á segunda modalidade do certame, na que se outorga unha bolsa de estudos de 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu premiar a proposta titulada "A casa da Palma", de José Casal Porto. O seu proxecto céntrase en recuperar a historia da casa da Palma, dos seus moradores e do entorno máis próximo a esta construción orixinaria do século XVII e que se empraza no lugar de Fontenlo, na ladeira do monte Louro ao pé do Camiño de Santiago.

Á XIX edición do Premio de Investigación concorreron un total de catorce traballos, once na primeira modalidade e tres na segunda. Este certame trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver