Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Explicou os últimos cambios lexislativos en relación ao consumo de alcohol ou de bebidas enerxéticas

- Contou algúns casos reais que viviu nos seus 16 anos de patrulla nocturna en Santiago

CharlaOcioNocturno1

Valga, 17 de marzo de 2026.

O IES de Valga e o Auditorio Municipal acolleron onte senllas charlas sobre “Adolescencia e ocio nocturno” impartidas por Martín Camba Conde, policía local de Santiago con 16 anos de experiencia patrullando de noite. Á primeira sesión asistiu alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e FP do IES de Valga e a cita no Auditorio estaba dirixida a familias e público en xeral. Aínda que coa mesma temática, a forma de abordar a problemática foi distinta en cada unha das conferencias xa que “as preocupacións dos mozos non son as mesmas que as dos pais cando os seus fillos dan os primeiros pasos no ocio nocturno”, sinalou o relator.

O obxectivo non era “nin criminalizar o ocio nocturno nin dicirlle ás familias como educar aos seus fillos, pero si sinalar o que se fai mal” e, sobre todo, advertir sobre “a cara B” da coñecida coloquialmente como ‘movida’. Martín Camba explicou, dende os ollos dun policía e a través de casos reais, como unha noite de festa pode rematar con pelexas, roubos, accidentes de tráfico, intoxicacións etílicas ou ilícitos de carácter sexual. A súa recomendación foi, en caso de conflito, “intentar apartarse sempre e chamar á policía, pero ás veces os mozos vense envoltos nestas situacións aínda sen provocalas”.

Unha das cuestións que sinalou como “máis preocupantes” en relación ao ocio nocturno é o consumo de alcohol e outras substancias. O axente explicou os recentes cambios lexislativos en relación ao consumo de alcohol ou ao botellón, así coma a novidosa prohibición de venda e consumo de bebidas enerxéticas por parte de menores de idade.

Martín Camba lamentou a falta de alternativas de entretemento nocturno para a mocidade e advertiu sobre a influencia de internet e das redes sociais. “Os mozos reciben información de onde non deben”, por iso intenta coas súas charlas “xerar un debate entre pais e fillos sobre esta problemática”.

CharlaOcioNocturno2 CharlaOcioNocturno3

Volver