Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O prazo de solicitude estará aberto ata o 18 de setembro no Rexistro municipal

- O goberno local quere fomentar a práctica deportiva no municipo e apoiar aos deportistas locais

 

Valga, 10 de marzo de 2026.

O Concello de Valga vén de aprobar a concesión de subvencións a deportistas individuais que participen en competicións oficiais a nivel autonómico, nacional e internacional na tempada 2025/2026, entendendo como período computable o que discorre entre o 1 de setembro de 2025 e o 1 de agosto de 2026.

A finalidade destas axudas é fomentar o deporte no municipio e axudar aos deportistas locais a afrontar os gastos derivados da alta competición federada.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións deportistas federados en calquera categoría dentro das modalidades individuais e que cumpran os seguintes requisitos:

  • Estar empadroados en Valga cunha antigüidade de, polo menos, dous anos consecutivos.
  • Estar en posesión de licenza deportiva expedida pola federación correspondente.
  • Competir en probas autonómicas, nacionais ou internacionais recoñecidas polas respectivas federacións, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2025 e o 1 de agosto de 2026.

A contía máxima da axuda será de 300 euros por deportista, considerándose gastos subvencionables os relacionados coa participación en probas que sexan puntuables para campionatos ou circuítos oficiais organizados polas correspondentes federacións ou por entidades oficiais na tempada 2025/2026, entre eles os gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención.

O prazo estará aberto ata o 18 de setembro no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica, presentando a folla de solicitude e a declaración responsable debidamente cubertas (poden descargarse en https://valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes), xunto coa seguinte documentación:

  • Fotocopia do DNI.
  • Fotocopia da licenza federativa vixente na tempada 2025/2026.
  • Documentación oficial que acredite a participación en competicións oficiais a nivel autonómico, nacional e internacional na tempada 2025/2026.
  • Documentación xustificativa dos gastos.
  • Certificación dos datos bancarios onde se pretenda recibir o importe da subvención.

 

BandoAxudasDeportistas

Volver