Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Terá lugar o día 13 de marzo ás 17:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde

- O espectáculo para todos os públicos mistura música e clown

PunkInfantilWeb

Valga, 3 de marzo de 2026.

Punk para nenas? Por que non? Que hai máis punk ca unha nena?  O punk é rebeldía, é pensar por ti mesma. Faino ti ao teu xeito!! Como poidas, como queiras e como che preste!

O punk é ir a contracorrente, non ser coma a maioría porque cada unha de nós é diferente. O punk é berrar, rir, escribir as túas propias cancións, facer a túa banda, atopar a túa personalidade. O punk é protestar. Quen non chora, non mama!!

Un cantante punk e un cantante infantil condenados a compartir escenario acaban creando un delirio musical chamado "Concerto Punklnfantil". Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común dando como resultado este espectáculo musical e de clown para todos os públicos, no que está presente o concepto punk máis alá dos aspectos máis superficiais. Vencellado directamente co mundo  infantil e as inquedanzas das cativas e cativos.

Brais das Hortas é músico, clown e narrador e leva xa 25 anos nos escenarios. Toca en proxectos coma Blues do País ou Sacha na Horta. Formou parte da banda de Mamá Cabra, de Sons Miúdos, da Banda Fura Fura e colaborou con Ataque Escampe, Sofía Espiñeira... e compón bandas sonoras.

Como clown, traballa con Peter Punk Pallaso en dous espectáculos,  ademais de facer espectáculos en solitario.

Como narrador forma parte da Tropa de Trapo, con Marta Ortiz, con quen fixo numerosas xiras e campañas escolares.

Peter Punk é un dos pallasos máis destacados de Galicia. Conta con máis de 1.000 funcións en varios países e os seus espectáculos gozan dunha gran acollida entre cativos e adultos.

A compañía Peter Punk Pallaso nace en 2003 e, ao longo da súa traxectoria, foi perfilando o seu carácterístico humor fresco, irreverente e orixinal. Visitou diversos países en tres continentes: Portugal, Italia, Argentina, Brasil, Cuba, Polonia, Palestina. E no Estado: Euskadi, Catalunya, Madrid, Ibiza, Salamanca, Chiclana de la Frontera, Islas Canarias, Zamora, Segovia, Badajoz, Navarra, Asturias, Cantabria e outros lugares.

Esta actividade forma parte do programa +Escénicas, da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

PunkInfantil

Volver