- O BUO, no que a Consellería do Medio Rural investirá 492.803 euros, albergará dúas motobombas e catro brigadas
- A edificación será modular contará cunha zona de servizos e un garaxe para vehículos
Valga, 28 de febreiro de 2026.
Nos terreos do antigo campo de fútbol de Baño deron comezo estes días as obras de construción da Base de Unidade Operativa (BUO) contra incendios. Estes traballos iniciais centráronse na preparación do terreo, unha parcela de 3.065 metros cadrados que foi cedida polo Concello á Xunta de Galicia, para executar a cimentación sobre a que se asentará a base.
O edificio terá unha estrutura modular, concibida para facilitar a súa futura ampliación, de maneira que poida adaptarse ás necesidades cambiantes do servizo. Contará cunha zona de servizos organizada en dúas plantas, unha destinada a actividades estritamente operativas e outra para espazos de descanso e funcións administrativas ou de oficinas. Tamén se prevé un espazo para garaxe, que será diáfano e que albergará os vehículos da unidade operativa. Habilitaranse, ademais, accesos diferenciados para peóns e vehículos para facilitar as manobras.
As instalacións contarán con climatización mediante aerotermia, sistema de renovación de aire mediante recuperación de calor e protección contra incendios.
A Consellería do Medio Rural realizará un investimento de 492.803’83 euros.
O BUO acollerá e persoal e medios do dispositivo de loita contra os incendios e outros servizos relacionados co sector do monte e a súa función será a prevención, a detección, intervención rápida e defensa contra os lumes que poidan afectar aos montes valgueses e de localidades próximas. Segundo as previsións iniciais, aloxará dúas motobombas, 4 brigadas e axentes e, ademais, prestará servizo de atención ao público, por exemplo para obtención de permisos e licenzas.
Esta base pasará a formar parte da rede de prevención, detección, intervención e defensa contra os incendios de Galicia. Terá unha vocación comarcal, estando ao servizo do Distrito XIX Caldas-Salnés, aínda que o seu ámbito de actuación incluso podería sobrepasar os límites provinciais.







