- Coñeceron conceptos básicos sobre a atención inmediata que debe prestarse a persoas accidentadas ou enfermas
- Tamén realizaron prácticas de reanimación cardiopulmonar e aprenderon a actuar en caso de atragoamento
Valga, 19 de febreiro de 2026.
Persoal do Concello asistiu durante esta mañá no Auditorio a un curso de primeiros auxilios que forma parte das actividades de prevención de riscos laborais entre os traballadores municipais. Esta xornada, impartida por Martina Pazos, enfermeira de vixilancia da saúde especialista no traballo, permitiu aos asistentes coñecer diferentes técnicas e métodos de actuación para ofrecer atención inmediata a unha persoa accidentada ou enferma, ata que poida obter unha asistencia médica profesional.
Na sesión participaron traballadores dos diferentes departamentos municipais: obras, alumeado, medio ambiente e residuos, servizos sociais, oficina técnica, administración, cultura ou Protección Civil, entre outros. Durante as catro horas de duración, tratáronse conceptos básicos de primeiros auxilios, como realizar as primeiras actuacións e tamén algunhas das lesións máis comúns no ámbito laboral. Despois, os coñecementos teóricos leváronse á práctica.
A enfermeira Martina Pazos incidiu durante o curso en que “é fundamental que a xente saiba como reaccionar ante unha situación de emerxencia e, sobre todo, que se debe priorizar” á hora de realizar os primeiros auxilios, sempre evitando agravar ou empeorar as lesións da vítima. Fixo especial fincapé na importancia de saber resolver dúas situacións concretas: realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP) e actuar en caso de atragoamento. “Nestes casos as primeiras actuacións son fundamentais e poden suponer a diferencia entre vivir ou morrer”.







