- Na reunión, na que tamén participou o alcalde, abordáronse os principais retos do mercado laboral
- Bello Maneiro abriuse a ceder ás empresas locais a Escola Taller para que formen aos seus traballadores
Valga, 17 de febreiro de 2026.
Empresarios de Valga participaron esta mañá nunha xuntanza co conselleiro de Emprego, José González, na que se abordaron os principais retos do mercado laboral e se informou dos incentivos á contratación, co obxectivo de potenciar a empregabilidade da cidadanía e a competitividade do tecido produtivo. Esta cita xurdiu da reunión de traballo anual cos empresarios locais que, organizada polo Concello, se celebrou o pasado 3 de febreiro para coñecer as principais inquedanzas do sector a nivel local.
O conselleiro estivo acompañado polo Secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández; o alcalde, José María Bello Maneiro; e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez. Presentou o programa “Galicia Suma Talento: Emprégate”, de axudas á contratación das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, así coma outras liñas ás que poden acollerse as empresas para fomentar, por exemplo, a contratación indefinida. En canto á formación para o emprego, apostou por un modelo áxil, flexible e conectado co mercado laboral, tendo en conta a demanda real das empresas.
As dificultades para atopar persoal cualificado é unha das principais eivas para as empresas e, neste ámbito, o conselleiro remarcou que Galicia aposta por un modelo de inmigración ordenada baseado na integración laboral real a través, primeiro, do retorno de galegos no exterior e, nun segundo termo, na atracción de talento procedente de terceiros países.
Por outra parte, José González tamén se referiu ao apoio ao colectivo autónomo, ao comercio local ao “emprendemento tradicional”, co obxectivo de fomentar profesións actualmente en decadencia e garantir a remuda xeracional.
O alcalde agradeceu ao conselleiro “que veña a Valga por segunda vez en apenas 15 días para presentar as ferramentas das que dispón a Consellería e das que poden beneficiarse as nosas empresas”. Bello Maneiro incidiu na necesidade de “traballar da man dos empresarios, xa que eles son os verdadeiros creadores de postos de traballo e son os que mellor coñecen a situación do mercado laboral”.
Neste sentido, o rexedor ofreceu ás empresas locais a posibilidade de asinar convenios para que poidan empregar as instalacións da Escola Taller para formar aos seus traballadores. Así mesmo, engadiu “o Concello está á vosa disposición para servir de enlace ante a Xunta de Galicia e transmitirlles as vosas necesidades”.







