- Esta iniciativa benéfica, que implica a comunidade educativa e á veciñanza, cumpriu un lustro
- Os alumnos saíron a cantar panxoliñas polas aldeas para animar á xente a colaborar
Valga, 11 de febreiro de 2026.
Un lustro leva o CRA de Valga organizando o “Nadal Solidario”, unha iniciativa coa que a dirección do Centro Rural Agrupado, os equipos docentes de cada escola, o alumnado e as familias recadan alimentos e produtos de primeira necesidade para axudar ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello.
Os alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que xuntaron nesta edición xa se atopan a disposición dos Servizos Sociais Municipais para proceder ao seu reparto entre os veciños que o precisan. A directora do CRA, Sara Costa, e a secretaria, Marta Pérez, fixeron a entrega á concelleira de Educación, Carmen Gómez, que lles agradeceu esta acción benéfica que implicou á comunidade educativa, á veciñanza e incluso a establecementos comerciais de Valga. A representante municipal puxo en valor a solidariedade demostrada por todos eles.
O “Nadal Solidario” desenvolveuse durante o mes de decembro, na que os nenos das escolas de Campaña, Forno, Vilarello, Xanza, Ferreirós e Chenlo saíron polas respectivas aldeas a cantar panxoliñas para felicitar as festas aos veciños e a animalos a contribuír con alimentos e outros produtos de primeira necesidade. Entre o recadado hai leite, zumes, legumes, pasta, conservas, galletas, aceite, comida para bebés, cueiros... Todo será xestionado polos Servizos Sociais para a súa entrega ás familias de Valga sen recursos, en situación ou en risco de exclusión.







