- Augas de Galicia celebrou esta mañá no Auditorio unha xornada técnica na que se analizaron alternativas para previr os asolagamentos
- O alcalde e o director de Augas inauguraron o simposio, no que se puxo a Valga como modelo “do que se pode facer” no resto do territorio galego
Valga, 29 de xaneiro de 2026.
O Auditorio Municipal acolleu durante esta mañá unha Xornada Técnica de Augas de Galicia sobre “Actuacións de preservación dos recursos hídricos, os seus ecosistemas e preparación, protección e resposta fronte a inundacións na demarcación Galicia-Costa”. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, foron os encargados de inaugurar o simposio no que, a través de expertos, se abordou a xestión do risco de inundacións dende diferentes perspectivas.
As obras executadas nos últimos anos en Valga no regato do Soutiño, en diferentes tramos do río Valga e tamén no río Louro puxéronse de exemplo “do que se pode facer no resto do territorio” galego. E, de feito, os asistentes participaron nunha visita de campo á obra “Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril”, executada entre os anos 2024 e 2025 e á que se destinaron 330.000 euros en base a un convenio asinado entre o Concello e Augas de Galicia. No marco do mesmo acordo tamén se investiron máis de 208.000 euros na Mellora do río Valga na súa marxe dereita, na contorna do Parque Dios Mosquera.
Ademais, están pendentes de executar 2.181.354’46 euros noutras dúas actuacións: “Mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa” e a “Mellora hidráulica dos ríos Valga e Soutiño”, proxectos cos que se tratará de minorar os efectos dos asolagamentos. “O risco cero non existe”, sinalou Roi Fernández, “pero temos que traballar para minimizalo con enfoques máis sostibles e adaptados á realidade actual na que cada vez son máis frecuentes os fenómenos meteorolóxicos”.
A DINA e os estragos que causou en Valencia no ano 2024 “provocou un cambio de paradigma” a nivel nacional e a “despregadura de máis investimentos para proxectos de mantemento e conservación fluvial. Pero en Galicia xa levamos anos anticipándonos” a esta tendencia.
O alcalde, pola súa parte, puxo en valor o resultado das actuacións levadas a cabo no municipio para evitar as riadas. “Fai anos, Protección Civil tiña que ir coa zodiac tres ou catro veces ao ano a sacar a veciños das súas casas. As obras executadas foron moi importantes para mellorar a situación destes veciños e que poidan vivir máis tranquilos”, concluíu.







