Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os servizos de emerxencias manteñen baixo vixilancia os entornos fluviais debido ás persistentes chuvias

- Outros operarios municipais de obras ou electricistas tamén tiveron que actuar ante os danos causados polo temporal

BorrascaJoseph1

Valga, 27 de xaneiro de 2026.

Aínda que Valga non estaba incluída na alerta vermella emitida polos servizos meteorolóxicos ante o paso da borrasca Joseph, as súas consecuencias deixáronse notar durante a xornada de onte en distintos puntos do concello, especialmente na contorna das concas fluviais dos ríos Valga e Louro. As persistentes chuvias e as rachas de vento obrigaron á Policía Local e á agrupación de Protección Civil a permanecer en alerta constante e a realizar intervencións por caídas de árbores, asolagamentos ou incidencias en vivendas.

Foron varias as estradas que se viron afectadas polo temporal. Por exemplo, a EP-8505 entre Ferreirós e Vilar, onde foi necesario retirar unha árbore caída no punto quilométrico 5’2 e que ocupaba toda a calzada. Tamén se rexistraron caídas ramas e restos de árbores na estrada autonómica PO-548, no km. 5;  e na vía PO-190, onde outro tronco quedou atravesado sobre o asfalto.

Tamén a consecuencia do vento, foi necesario retirar contedores do lixo o carteis publicitarios que obstaculizaban a circulación de vehículos en diversos tramos de estradas.

No que respecta ás precipitacións intensas acumuladas nas últimas xornadas, estas están a provocar fortes crecidas nos cauces fluviais, que están a ser revisados regularmente polos efectivos de emerxencias. Os asolagamentos fixeron necesario pechar os enlaces Baño-Carballiño e Senín-Cerneira e os pasos inferiores á vía do ferrocarril no Forno e na Devesa. Tamén se cortou unha ponte sobre o río Louro no Forno e sinalizouse un tramo da PO-548 á altura do punto quilométrico 2’4 por mor de bolsas de auga. Ademais, limpáronse arquetas de pluviais para facilitar o desaugamento.

Á marxe das infraestruturas públicas, os servizos de emerxencia valgueses tamén actuaron nas últimas horas en varias vivendas. Nunha delas, no lugar do Pumariño-Devesa, colocaron unha bomba de achique na entrada, que quedou asolagada polo desbordamento do río Valga, impedindo o acceso. Neste punto está prevista a execución dun proxecto de prevención das inundacións, que está pendente de licitar por parte de Augas de Galicia.

Noutro caso foi un garaxe o que acabou anegado, realizándose un desvío provisional das augas e, por último, colaboraron na atención dunha persoa maior que sufriu unha caída no seu domicilio e non conseguía levantarse.

De cara ás próximas horas, para as que seguen activadas diversas alertas, mantense a vixilancia sobre os ríos e zonas especialmente vulnerables ante posibles desbordamentos. En áreas coma o Parque Irmáns Dios Mosquera o acceso atópase restrinxido para evitar posibles incidencias.

Outros servizos do Concello

Ademais das emerxencias, operarios doutros departamentos municipais coma o de Obras ou os electricistas tamén tiveron que actuar para reparar danos causados polo temporal. Árbores caídas danaron o cableado do alumeado público en Bronllo e Desabanda e outro caeu sobre o bombeo da rede de saneamento municipal na Devesa.

BorrascaJoseph2    BorrascaJoseph3

 

Volver