- Instalaranse 185 paneis a través dun convenio coa Deputación e con fondos europeos Next Generation
- Xa son varias as instalacións municipais que contan con placas solares: o Auditorio, a depuradora e o Museo

Valga, 15 de xaneiro de 2026.
O Concello continúa dando pasos en materia de aforro enerxético apostando polas enerxías renovables, en concreto a enerxía fotovoltaica, e nas vindeiras semanas comezarán as obras de instalación de paneis solares no pavillón municipal de Baño. Executaranse en base a un convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Deputación provincial de Pontevedra, con financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation. O investimento será de 113.654’09 euros.
A instalación fotovoltaica realizarase sobra a cuberta do pavillón. Contará con 185 paneis de 540 W e cun sistema de almacenamento de 50 kWh composto por baterías de litio. Todo isto xestionarase cun sistema software que permitirá ter monitorizadas as producións.
Deste xeito xerarase e almacenarase enerxía para subministrar ao pavillón pero tamén a outras instalacións municipais. Ademais, tal e como recolle o convenio, reservarase unha porcentaxe da enerxía xerada para consumidores vulnerables do municipio.
Con esta nova instalación avanzarase nun modelo de autoconsumo eléctrico, máis respectuoso co medio e economicamente máis sostible. Cabe lembrar que xa son varias as instalacións municipais que contan con paneis fotovoltaicos: o Auditorio Municipal, a estación depuradora e o Museo da Historia.







