Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A presidenta da asociación Amigos do Belén destaca a gran afluencia de visitantes pero tamén as boas opinións

- Achegados de Super Piñeiro, do actor Xabier Deive ou do perruqueiro Rupert estiveron en Campaña para agradecer a homenaxe

BelénInauguración25 7

Valga, 12 de xaneiro de 2026.

Tras seis semanas de apertura ininterrompida, dende o 30 de novembro, o Belén Artesanal en Movemento clausurou onte a edición do Nadal 2025-2026, na que celebrou o seu 30 aniversario e que, para a asociación Amigos do Belén, se desenvolveu de forma inmellorable. “Para min foi a mellor edición, en todos os sentidos”, sinala a presidenta, Mari Carmen Castiñeiras. E, engade, que esta impresión é xeral” entre os demais membros do colectivo promotor do nacemento.

Máis de 40.000 persoas pasaron polo local de Campaña para ver a montaxe. “Houbo colas enormes” que chegaron, nalgunhas fins de semana, a unha hora e media de espera, “e incluso as houbo tamén en días de semana”, comenta a presidenta. Por exemplo, na ponte da Constitución, a media de visitantes por día oscilou entre os 2.000 e 3.000; e onte, día da clausura e co Nadal xa rematado, seguiron chegando autobuses con excursionistas.

Pero, máis aló das cifras, Mari Carmen Castiñeiras, refírese ás boas sensacións e opinións que esta edición espertou entre os visitantes. “Moitos coincidiron na vistosidade que lle dá á montaxe o emprego de céspede artificial” en lugar de musgo natural, un cambio que se introduciu fai uns anos tamén por cuestións medioambientais.

Ademais, a presidenta explica o gratificante que foi para a asociación a emoción coa que reaccionaron algúns personaxes representados no Belén ou familiares e achegados. Exemplos coma o da campioa do Mundo de ximnasia, Melania Rodríguez, que se achegou nos primeiros dias apertura a ver a súa figura; ou a viúva do falecido actor galego Xabier Deive. “Aos tres días de abrir chamounos para agradecer a homenaxe que lle fixemos e contoullo á tamén actriz Gloria Rico, que veu a visitarnos”. Outro exemplo foi o de familiares de Super Piñeiro, que tamén quixeron achegarse a ver a súa figura; ou un sobriño do perruqueiro Rupert, que “nos contaxiou a todos a súa emoción” cando veu ao seu tío representado no nacemento. “Todo isto compensa o traballo pasado”, conclúe Mari Carmen Castiñeiras.

Para os que non tiveron ocasión de visitar o Belén durante este Nadal, aínda teñen oportunidade de facelo, xa que dende agora e ata o mes de setembro, aínda se recibirán visitas en grupo solicitando cita a través do teléfono 630 95 25 15.

Volver