Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Melchor, Gaspar e Baltasar tamén visitaron ás tres centenarias valguesas: María Tarrío, Benilde Castaño e Manuela Eiras

- Durante a tarde celebrouse unha festa con inchables e obradoiros e repartíronse 1.000 racións de chocolate con churros

 ReisMagos26 1

Valga, 5 de xaneiro de 2026.

Os nenos de Valga están vivir a xornada máis máxica do ano cos Reis Magos como grandes protagonistas.

Despois dunha longa viaxe dende Oriente, as Súas Maxestades chegaron esta tarde ao concello e foron recibidos polo alcalde, José María Bello Maneiro, e por un gran número de veciños que non quixeron perder a oportunidade de saudar, un ano máis a Melchor, Gaspar e Baltasar. Especialmente os máis cativos, pero tamén os maiores porque, como ben dixo Melchor cando se dirixiu aos valgueses, a ilusión do Nadal non sabe de idades e non debe perderse nunca. Por iso os Magos tiveron tamén moi presentes ás veciñas centenarias, ás que visitaron no seu domicilio para entregarlles un agasallo: María Tarrío, de 103 anos, Benilde Castaño e Manuela Eiras, de 101.

O séquito real, formado polos tres Reis e os seus paxes, desprazouse despois ata os exteriores do Belén Artesanal, onde estaban programadas as actividades centrais da xornada: dende primeiras horas da tarde, inchables e obradoiros e, despois, a recepción oficial por parte do alcalde, que agradeceu aos Reis a súa visita aos nenos valgueses. Alí déronse cita centos de cativos coas súas familias.

Todos tiveron a oportunidade de saudar ao seu Rei favorito, facer fotos con eles e recibir os primeiros agasallos. Melchor, Gaspar e Baltasar entregaron arredor de 400 regalos a outros tantos cativos, un pequeno anticipo antes da noite máxica de Reis.

E para pechar esta fría tarde, o reparto de 1.000 racións de chocolate con churros, elaborados pola churrería local La Favorita.

ReisMagos26 2 ReisMagos26 3

ReisMagos26 4 ReisMagos26 5

Volver