- A tómbola benéfica da asociación Amigos do Belén repartiu case 200 agasallos entre os días 20 e 22
- O nacemento continúa aberto ata o 11 de xaneiro: de luns a venres pola tarde e os sábados, domingos e festivos tamén pola mañá
Valga, 24 de outubro de 2025.
A tómbola solidaria organizada pola asociación Amigos do Belén pechouse onte cunha recadación total de 5.645 euros, unha cantidade que será doada á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe o doutor Ángel Carracedo.
A tómbola celebrouse entre o 20 e o 22 decembro nos exteriores do Belén Artesanal e repartiu case douscentos regalos doados por veciños, casas comerciais e entidades de Valga e doutras vilas da contorna co obxectivo de xuntar fondos cos que contribuír a financiar a actividade da Fundación do doutor Carracedo, catedrático de Medicina Legal pola Universidade de Santiago, investigador de referencia internacional, director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, xefe do grupo do CIBERER (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras) e Coordinador da área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
O cancro, as enfermidades raras e a farmacoxenética son algúns dos ámbitos prioritarios de traballo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
Dende a asociación Amigos do Belén agradecen a implicación tanto das persoas aportaron agasallos coma daquelas outras que participaron na tómbola mercando os boletos. Ademais, non deixan de sorprenderse pola gran acollida que, un ano máis, está a ter o Belén Artesanal entre os visitantes. Onte, sen ir máis lonxe, rexistráronse colas dunha hora e media para entrar a ver a montaxe.
Durante a pasada semana continuaron, ademais, as visitas concertadas de grupos coma a Asociación Xoán XXIII de Pontevedra, que traballa con persoas con discapacidade intelectual e desprazou a Campaña a unha decena de persoas. Dende Boiro chegaron 23 usuarios da asociación Amicos, tamén de apoio a persoas con discapacidade, e dende Padrón a asociación Agadea, para axuda de persoas con Alzheimer.
Os usuarios dos centros de día de Dodro e Valga foron outros dos protagonistas destas visitas grupais, ao igual que entidades coma asociación de Saúde Mental A Creba, do Barbanza, con 18 persoas; a asociación Lar de Vilagarcía, que desprazou a un grupo de 47 usarios; e a asociación Misela de Noia.
O Belén Artesanal estará aberto ata o día 11 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.








