Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A cantidade a investir increméntase en máis de 1’7 millóns, para realizar unha intervención integral que minimice os asolagamentos

- Executaranse dúas novas actuacións que afectarán ao río Valga e ao regato do Soutiño

VisitaLouro3

Valga, 17 de decembro de 2025.

A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía unha addenda ao convenio asinado en 2021 entre o Concello e Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións no municipio. O obxectivo é incrementar o orzamento en máis de 1’7 millóns de euros para incorporar actuacións adicionais no río Valga e no regato do Soutiño e incrementar a súa capacidade de desaugamento. A sinatura desta mesma addenda foi autorizada o luns no Consello da Xunta.

Deste xeito, o goberno galego aumenta ata case 3 millóns de euros o investimento en obras hidráulicas en Valga co fin de realizar unha intervención integral que minimice os asolagamentos e o seu impacto nas construcións e infraestruturas existentes. Parte desta cantidade, en concreto 775.986’98 euros, xa se investiron na execución de dous proxectos: “Protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso por Valga” e “Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril”.

Están pendentes de investir 2.181.354’46 euros noutras dúas actuacións. Unha delas xa estaba prevista no convenio orixinal: “Mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa”, que se atopa en fase e supervisión e, unha vez aprobado, procederase á licitación das obras, que inclúen a demolición da ponte actual e a súa reconstrución e contan cun orzamento de máis de 1’1 millóns de euros.

Durante a redacción deste último proxecto detectáronse unha serie de necesidades adicionais ao quedar en evidencia que o comportamento dos caudais en episodios de choiva intensa segue condicionado por estrangulamentos situados tanto augas arriba como augas abaixo. Por iso, na addenda ao convenio, se plantexa unha intervención a maiores, denominada “Mellora hidráulica dos ríos Valga e Soutiño, na área de risco potencial significativo de inundación río Ulla e río Sar”.

Esta actuación complementaria, cuxo investimento estimado é de 800.000 euros, considérase “estratéxica”,  pois busca aumentar a sección útil das canles, optimizar o desaugamento e mellorar o comportamento fronte a episodios de riadas.

Dado o alcance das intervencións hidráulicas pendentes de executar, tamén se amplía a vixencia do convenio ata setembro de 2029, dando marxe para completar a licitación das actuacións pendentes, a execución das obras e os trámites finais de entrega e recepción por parte do Concello.

Volver