Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Interpretaron panxoliñas e temas tradicionais de Nadal, acompañados por músicos do Centro Superior e polo organista da Catedral

- O CSM Galicia e a Fundación da Catedral asinaron un convenio para que os estudantes participen en actos litúrxicos e culturais

ConcertoNadalCatedral1

Valga, 13 de decembro de 2025.

O Auditorio Municipal acolleu onte á tarde un concerto protagonizado polas agrupacións vocais da Catedral de Santiago e o Centro Superior de Música de Galicia, que ofreceron un repertorio de panxoliñas e outras pezas tradicionais destas festas.

A parte vocal do concerto correu a cargo da Escolanía infantil da Catedral e o Coro Cardenal Quiroga, de adultos, aos que acompañou o coro do CSM de Valga. Da parte instrumental encargáronse dous trombóns e dúas trompetas do Centro Superior e o organista da Catedral, Adrián Regueiro. Sofía Rodríguez e Manuel Villar Touceda foron os directores.

O programa, que comezou coa a “Ave María”, fixo un percorrido por algúns dos temas máis tradicionais do Nadal en países coma Inglaterra, Francia, Italia ou Estados Unidos. Non faltaron panxoliñas galegas como “A Belén vinde pastores” e outras composicións clásicas como “Adeste fideles”. Con “Campana sobre campana”, interpretada ao unísono por artistas e público, pechouse esta “actuación de gran nivel que temos a sorte de poder ver e escoitar en Valga”, destacou o alcalde, José María Bello Maneiro, que asistiu á cita acompañado polas concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna. Xunto a eles, a xerente do CSM, Mª Jesús Rey, e o director, Simón Ibáñez, quen indicou que este concerto “é o comezo dunha viaxe conxunta” entre o Centro Superior de Galicia e a Catedral de Santiago.

Ambas entidades veñen de asinar un convenio de colaboración polo que alumnos do CSM participarán en celebracións litúrxicas e actos culturais que se celebren na Catedral, contribuíndo así á formación musical dos estudantes.

O concerto repetirase esta noite, ás 21:00 horas, na Catedral compostelana, con entrada de balde pola porta de Praterías ata completar o aforo.

ConcertoNadalCatedral2 ConcertoNadalCatedral3

Volver