- A mostra colectiva pode verse no Auditorio Municipal durante todo o mes de decembro
- Inclúe algunha obra inédita de Potel, debuxos a lapis e unha homenaxe ás vítimas da guerra de Gaza

Valga, 10 de decembro de 2025.
Un dos clásicos do Nadal valgués, no referido ao ámbito cultural, é a exposición “A tres mans”, que un ano máis repite no Auditorio Municipal con obras de Ángeles Garrido, Ana María González e o falecido Pepe Potel.
A mostra poderá verse durante todo o mes de decembro e reúne un total de dezaseis obras con distintos soportes e variedade de temáticas.
Ángeles Garrido aporta catro pinturas. A principal reflexa a un meniño coa cabeza cuberta por unha palestina “en sinal de loito e, á vez, coma homenaxe a todos os nenos e persoas que están a sufrir ese horror” da guerra en Gaza. Os outros tres cadros comparten temática: a natureza.
Ana María González expón dúas obras a lapis, unha delas premiada no Certame de artes plásticas Novos Valores, no que acadou o primeiro premio no ano 2013.
Por último, a familia de Pepe Potel seleccionou para esta mostra unha serie de obras, algunha delas inédita, que teñen como elemento común e central as embarcacións tradicionais galegas.









