A deportista de Ponteareas amosouse moi ilusionada por este recoñecemento aos seus logros e traxectoria
O nacemento “paréceme impresionante, é precioso”, dixo ao finalizar o percorrido
Valga, 4 de decembro de 2025.
O Belén Artesanal en Movemento, que pode visitarse dende o pasado domingo, recibiu onte a visita dunha campioa do mundo, a ximnasta natural de Ponteareas Melania Rodríguez, que aparece representada na montaxe coa medalla de ouro que conquistou na modalidade de dobre minitramp no último Campionato do Mundo, que se disputou en novembro en Pamplona.
A deportista, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, fixo onte á tarde unha escapada a Valga para comprobar se era certo o que lle dixeran: “Un día, cando ía xantar, as camareiras do CGTD dixéronme que aparecía no Belén. Foi a primeira noticia que tiven e propúxenme vir a velo. Pareceume impresionante, non me esperaba que fora tan grande nin con tantas figuras. Encantoume, é precioso”, dixo a ximnasta ao rematar o percorrido polo nacemento, que incluíu unha baixada ao foso para que puidera apreciar todos os mecanismos que dan movemento ás figuras. Estivo acompañada por varios integrantes da asociación Amigos do Belén, entre eles a presidenta, Mari Carmen Castiñeiras.
A deportista amosouse moi ilusionada por este recoñecemento que o Belén Artesanal lle fai polos seus éxitos máis recentes e, en xeral, por toda a súa traxectoria. Aos seus 24 anos acumula cinco medallas en campionatos mundiais de ximnasia en trampolín, catro en campionatos europeos e outras dúas nos Xogos Mundiais. O seu próximo reto: uns Xogos Olímpicos.







