- O presuposto recolle investimentos por valor de 3’2 millóns durante o vindeiro exercicio
- Tamén se aprobou un préstamo sen xuros para financiar a mellora das instalacións deportivas e unha moción do BNG para acondicionar a contorna da capela da Saúde
Valga, 2 de decembro de 2025.
A Corporación municipal reuniuse onte para debatir orzamentos do Concello para o vindeiro ano 2026, que ascenden, no capítulo de gastos, a 9.167.972 euros. Os ingresos representan 9.442.972 euros, co que se xera un superávit de duns 275.000 euros.
As contas destinan 3’2 millóns a investimentos reais. Entre eles atópanse actuacións coma a rexeneración da lagoa Porto Piñeiro, o acondicionamento da contorna da capela da Devesa e da igrexa de Campaña, melloras no servizo de saneamento, continuación das sendas peonís ou a mellora de instalacións deportivas. Precisamente para o financiamento destas últimas foi aprobado, na mesma sesión, un crédito extraordinario de 700.483’15 con cargo ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo. As obras que se inclúen son a reposición de céspede artificial e melloras nas bancadas da área deportiva de Campaña; reparacións en bancadas, vestiarios e sistema de rego e drenaxe no campo de fútbol de Baño; e tarefas de acondicionamento no pavillón de Beiro. Este punto foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e do BNG e a abstención do PSOE.
No referido aos orzamentos, as principais partidas do capítulo de gastos son: seguridade e mobilidade cidadá (150.250 euros); vivenda e urbanismo (565.112 euros); benestar comunitario (1’2 millóns); medio ambiente (1’1 millóns); servizos sociais (1’2 millóns); fomento do emprego (749.249 euros); educación (535.150 euros); cultura (451.500); deporte (987.244 euros); comercio, turismo e empresa (365.273 euros); infraestruturas (626.393 euros); e servizos xerais (656.560 euros).
O alcalde, José María Bello Maneiro, incidiu en que estas cifras son tan só previsións. E puxo como exemplo o presuposto deste 2025, que recollía investimentos por valor de 2’7 millóns e, en cambio, no que vai de ano executáronse obras que superan os 9’4 millóns de euros.
Os orzamentos quedaron aprobados inicialmente cos votos a favor do grupo de goberno e en contra dos concelleiros do PSOE e BNG.
Ademais, celebrouse tamén unha sesión ordinaria na que se tratou unha moción presentada polo BNG solicitando o acondicionamento e posta en valor da contorna da capela da Saúde, en Casal de Eirigo. O punto foi aprobado por unanimidade e o alcalde explicou que o Concello ten, dende xullo de 2024, o proxecto para executar esta actuación. “Estamos buscando subvencións para que non repercuta nas arcas municipais”, engadiu.







