- O alcalde e o director de Turismo de Galicia foron os encargados de estrear a edición do 30 aniversario
- O gran apagón, o falecemento do Papa Francisco e o nomeamento do novo Pontífice ou a vaga de incendios son algunhas das novidades deste ano
Valga, 30 de novembro de 2025.
Valga abriu as portas ao Nadal coa posta en marcha do Belén Artesanal en Movemento, todo un acontecemento anual que esperta o interese de moitos valgueses e cada vez máis forasteiros que se achegan ao concello dende os puntos máis insospeitados da xeografía galega, nacional e, incluso, internacional. Centos deles quixeron ser, esta tarde, dos primeiros en descubrir as novas figuras e escenas do nacemento, que representan aos feitos máis salientables do ano tanto a nivel local coma global.
Entre esta morea de xente atopábanse o alcalde, José María Bello Maneiro, e o director da axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles;, que foron os encargados de inaugurar o Belén Artesanal, que celebra este Nadal o seu trinta aniversario. Acompañáronos tamén no acto a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; o deputado provincial, Javier Tourís; outros representantes da Corporación municipal e o párroco Arturo Lores, que pronunciou os discursos relixiosos e a bendición, paso previo á retirada da cortina para deixar ao descuberto a montaxe desta edición.
Que feitos marcaron o devir deste 2025? Percorrendo o Belén podemos revivilos. O apagón que deixou a España a escuras e incomunicada durante horas é unha das novidades desta edición. E, concretamente, como se viviu en Valga: escuridade total, con excepción de lanternas e candeas. A morte do Papa Francisco é unha das escenas con movemento máis grandes das que se incorporaron, co féretro percorrendo o Vaticano seguido de moreas de cardeais. Represéntase, igualmente, o nomeamento do novo pontífice, León XIV, na Basílica de San Pedro. A vaga de incendios que afectou a Galicia e a outras zonas da Península este verán tamén forma parte da montaxe, como homenaxe ás vítimas e recoñecemento a todas as persoas que loitaron contra o lume.
En clave política, os sobresaltos xudiciais copan moito protagonismo, con Aldama tirando da manta, o fiscal xeral do Estado borrando whatsapps e outros implicados enfiando o camiño da cárcere. Ábalos e Koldo tamén andan por alí, de ligoteo; e Puigdemont, que xa é un fixo do Belén, dándolle coa porta nos fuciños aos enviados do Goberno. A política internacional está dominada por un Donald Trump omnipresente que tanto impón aranceis como pelexa con Elon Musk.
O ámbito deportivo tamén subministra contido ao Belén, con Marc Marquéz gañando o seu noveno campionato do Mundo de motociclismo, o tráxico falecemento do futbolista portugués Diogo Jota e, en clave local, os presidentes do Cordeiro C.F. ou os irmáns Fuxan e Kiko García Abalo, que se proclamaron campións do mundo de remo olímpico.
No referido ao entretemento e ao corazón, as novidades principais son Georgina Rodríguez co seu anel de pedida, a voda de Cayetano Martínez de Irujo ou o fenómeno K-Pop. E, coma sempre, hai homenaxes póstumas a personaxes que faleceron nos últimos meses: Encarnita Polo, Mariano Azores, o actor galego Xabier Deive, Robert Reford, Diane Keaton, Superpiñeiro, Hulk Hogan ou Manolo o do Bombo, entre outros.
Ademais, a montaxe experimentou cambios notables na súa estrutura con respecto á pasada edición. O máis notorio, o Misterio trasladouse de lado para facerse visible ao público nada máis acceder ao local.
Durante o acto inaugural, o alcalde sinalou que “é un orgullo” para Valga contar con este recurso cultural e turístico que cada Nadal pon ao concello no mapa. “E, se podemos presumir do Belén, é grazas ao traballo que realizan os membros da asociación Amigos do Belén. O resultado é inmellorable”. A presidenta do colectivo, Mari Carmen Castiñeiras, botou a ollada aos comezos. “Fai trinta anos ninguén imaxinabamos a onde iamos chegar, e iso é grazas ao bo equipo que temos e á colaboración de entidades coma a Xunta e a Deputación, sen as que non poderiamos facer nada”.
O deputado Javier Tourís referiuse ao Belén de Valga coma “un dos emblemas do Nadal en Galicia”, que durante estas festas xenera auténticas “peregrinacións” ata Campaña. E, por último, o director de Turismo apuntou que “esta manifestación popular traspasa cada día máis fronteiras e é un orgullo para toda Galicia”.
Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal conta con arredor de 4.000 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. O seu carácter artesanal é o seu principal sinal de identidade, con pezas feitas a man e, moitas delas, con movemento. Está ambientado nunha vila galega (Valga) e o percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego, que conviven con escenas da tradición belenista e do Nadal. Ademais, recrea acontecementos de actualidade, converténdose nun anuario que repasa os sucesos máis relevantes do ano a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o deporte ou o entretemento..
O Belén estará aberto ata o día 11 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.







