Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O nacemento, que cumpre o seu trinta aniversario, inaugúrase este domingo ás 17:30 horas

- Os representantes municipais agradeceron o esforzo dos Amigos do Belén para que Valga sexa un referente do Nadal galego

AlcaldeBelén25 1

Valga, 26 de novembro 2025.

Cóntanse os días para a inauguración, o vindeiro domingo, do Belén Artesanal, unha xornada que non só se porán en movemento as figuras da montaxe senón que tamén botará a andar o Nadal en Valga. E, como é habitual, nas vésperas da apertura o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, achegáronse ata o local de Campaña para dar azos aos membros da asociación Amigos do Belén nesta recta final dos preparativos.

Os representantes municipais interesáronse por como se están a desenvolver os traballos, que deron comezo no mes de outubro, e sobre as expectativas deste Nadal, no que se cumpre o trinta aniversario do Belén Artesanal. Bello Maneiro e Pedro Calvo percorreron as distintas seccións nas que se divide o equipo de Amigos do Belén e agradeceron aos seus integrantes o esforzo realizado para que, un ano máis, Valga sexa un referente do Nadal galego. Ademais, comprobaron como está a quedar a montaxe final, que vai moi avanzada e con importantes novidades.

Quen faga un repaso mental dos principais acontecementos políticos, sociais, culturais e de entretemento deste último ano, seguramente acertará moitas das novas escenas que aparecerán no Belén e que son, nestes momentos, o segredo mellor gardado.

A inauguración terá lugar o domingo ás 17:30 horas e a partir das 18:00 horas comezarán as visitas do público. O Belén, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, permanecerá aberto ata o día 1 de xaneiro e poderá visitarse de luns a venres de 17:30 a 20:30 e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. A entrada segue sendo gratuíta.

Máis de 45.000 visitantes acudiron a ver as últimas edicións do nacemento, unha cifra que reflexa a sona acadada polo Belén de Valga que, coa súa mestura de tradición, retranca e actualidade, consegue cada ano novos adeptos.

Tómbola a beneficio da Fundación do doutor Carracedo

A asociación Amigos do Belén organiza neste Nadal a quinta edición da súa Tómbola Benéfica, que nesta ocasión volverá a recadar fondos para a  Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe o doutor Ángel Carracedo.

A tómbola celebrarase o sábado 20 de decembro nos exteriores do Belén Artesanal. Todos os veciños, casas comercias e entidades de Valga ou da contorna que queiran aportar agasallos para o sorteo poden levalos ao local do Belén todos os días a partir das 18:30 horas.

AlcaldeBelén25 2 AlcaldeBelén25 3

Volver