- A actividade, que inclúe pintura e outras disciplinas, é impartida por Ángeles Garrido no CODI
- O vindeiro luns dará comezo a última das actividades de envellecemento activo organizadas polo Concello: as andainas

Valga, 21 de novembro de 2025.
Dende comezos desta semana estase a poñer en marcha a programación do Concello para promover o envellecemento activo e hoxe foi a quenda do obradoiro de expresión artística, que deu comezo no CODI cun total de 16 persoas inscritas.
Como é habitual, Ángeles Garrido encárgase de dirixir esta actividade na que moitos dos participantes atopan na pintura e outras disciplinas artísticas unha terapia coa que estimular as súas capacidades cognitivas e afectivas, mellorar o seu benestar emocional, traballar a psicomotricidade e a coordinación, e desenvolver a creatividade e a imaxinación. Ao mesmo tempo, foméntanse as habilidades sociais e as relacións interpersoais.
Hai novas incorporacións de alumnos que, nestes vindeiros meses, farán as súas primeiras probas cos pinceis, pero este obradoiro tamén conta con adeptos que suman xa anos de participación e experiencia no mundo artístico. “Aquí veñen a experimentar con liberdade. Séntense libres para elixir que tipo de materiais e técnicas queren empregar, sen estar sometidos a ningún modelo”, explica Ángeles Garrido. Hai quen pinta tellas ou decora obxectos de vidro, outros prefiren pintar sobre lenzo ou incluso debuxar.
Na primeira xornada do obradoiro, os participantes foron agasallados polo Concello cunha bolsa na que poden gardar os seus utensilios de pintura, unha libreta e un lapiseiro.
Ao non formarse grupo suficiente no Auditorio, as inscritas da zona de Cordeiro foron trasladadas ata o CODI, en Baño, nun vehículo municipal.
A inscrición nestas actividades, dirixidas a maiores de 55 anos, manterase aberta durante todo o curso, entregando a folla de inscrición no Rexistro do Concello ou a través do teléfono 621 204 615.








