- O envío de mensaxes ameazantes, o acoso a través de redes sociais ou a difusión de imaxes íntimas son novas formas de someter ás mulleres a través das tecnoloxías
- Tamén se distribuirán carteis entre o comercio local para rachar con algúns mitos que rodean á violencia de xénero
Valga, 21 de novembro de 2025.
A violencia de xénero pode manifestarse en diferentes ámbitos e de diferentes formas: física, psicolóxica, sexual, económica... pero unha das que está máis á alza e á violencia dixital. O envío de mensaxes ameazantes, o acoso a través de redes sociais, espiar o móbil da parella e incluso xeolocalizala, ou a difusión de imaxes íntimas son novas maneiras de exercer violencia contra as mulleres que afectan, moi especialmente, á mocidade.
Por iso, dende o Centro de Información á Muller (CIM) e o Concello se vai a desenvolver, con motivo do 25-N, unha campaña entre o estudantado valgués de Primaria, Secundaria e FP Básica para advertir a un total de 540 mozos sobre a perigosa relación entre violencia e novas tecnoloxías, promovendo un uso responsable das mesmas.
A partir do luns iniciarase nos centros educativos o reparto de trípticos con información sobre a violencia dixital, incluíndo un listado de condutas que nos deben poñer en alerta e unha serie de consellos sobre como poden actuar e pedir axuda as vítimas e as súas familias ou achegados. Ademais, aínda que a campaña está pensada principalmente para a mocidade, este material tamén se distribuirá no Concello, no Auditorio, no Centro de Saúde e na sede do CIM para que a información estea dispoñible para toda a veciñanza.
Por outra parte, e tamén con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, desenvolverase unha segunda campaña de sensibilización en colaboración co comercio local, coa finalidade de romper mitos en relación coa violencia de xénero.
As actividades programadas con motivo do 25-N dan comezo esta tarde no Auditorio co espectáculo “A tarabela ambulante: Idea” a partir das 19:00 horas e con entrada de balde, coa colaboración do programa +Escénicas da Deputación Provincia.
Tamén no Auditorio Municipal pode verse unha exposición coa que a Asociación Asdivalu quere ofrecer unha visión máis optimista e esperanzadora sobre a violencia de xénero. Inclúe unha serie de ilustracións cos seus correspondentes textos explicativos, centrados en como superar a violencia.
O martes, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, terá lugar o acto institucional do Concello, coa lectura dun manifesto. Gardarase, ademais, un minuto de silencio en repulsa polos asasinatos machistas en memoria de todas as vítimas.








