- A actividade deu comezo onte no Auditorio cunha sesión de zumba
- A inscrición continúa aberta durante todo o curso, que incluirá obradoiros e outras propostas para o envellecemento activo e saudable
Valga, 20 de novembro de 2025.
Unha nova edición do programa de autocoidado deu comezo onte á tarde no Auditorio Municipal coa participación dunha ducia de persoas que, ao longo dos próximos meses, asistirán a diferentes actividades para manter o benestar físico, emocional e social.
A sesión inaugural foi de zumba que, en próximas semanas, irá intercalándose con outras propostas de carácter físico coma pilates ou ioga. Ademais, desenvolveranse obradoiros enfocados ao coidado persoal e ao benestar xeral. Con estas actividades, que serán dinámicas, trátase de crear un espazo no que as participantes se sintan a gusto, aprendan a coidarse a si mesmas, intercambien ideas e socialicen, evitando así o illamento e a soidade, especialmente a non desexada.
O obradoiro de autocoidado forma parte das actividades de envellecemento activo organizadas polo Concello precisamente para mellorar a calidade de vida e o benestar da poboación valguesa de máis de 55 anos. A comezos desta semana púxose en marcha, tamén, o obradoiro de memoria, mañá comezará o de pintura e o vindeiro luns arrancarán as andainas.
A inscrición a todas estas actividades manterase aberta durante todo o curso, entregando a folla de inscrición no Rexistro do Concello ou a través do teléfono 621 204 615.







