Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o subdelegado do Goberno asistiron á apertura da actividade, no Auditorio Municipal

- Explicouse como realizar diferentes trámites e un garda civil ofreceu consellos para evitar ser vítimas de delitos

AdministraciónCerca1

Valga, 20 de novembro de 2025.

O Auditorio Municipal acolleu esta mañá a xornada “A administración cerca de ti”, unha iniciativa do Ministerio de Política Territorial para achegar os servizos da Administración Xeral do Estado aos cidadáns, especialmente aos que residen en pequenos municipios e en zonas rurais, para facilitarlles a realización de trámites sen necesidade de desprazarse.

Persoal da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e da Tesourería da Seguridade Social ofreceron asistencia para realizar xestións online como a obtención de firma e identificación dixital e tamén proporcionaron información sobre outros servizos públicos ás persoas que acudiron á sesión.

Á apertura desta xornada, que se desenvolveu coa colaboración do Concello, asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada. O rexedor considera “moi importante que a poboación conte con información suficiente sobre os diferentes servizos dos que poden beneficiarse e con formación para poder acceder a eles de forma telemática”. Por iso, agradeceu á Subdelegación que pensara en Valga para o desenvolvemento desta actividade. 

O subdelegado tamén se referiu á importancia de “conectar aos administrados coa administración”, especialmente cando se trata da Administración do Estado, que é a máis lonxana.

Na segunda parte da actividade o garda civil Javier Cancelas, da Comandancia de Pontevedra, ofreceu aos asistentes unha serie de consellos de seguridade, especialmente orientados a un dos segmentos da poboación máis vulnerables: as persoas maiores. O obxectivo desta charla, enmarcada no Plan Maior, é previr aqueles actos delictivos que, con máis frecuencia, se cometen contra os maiores en diferentes ámbitos coma no domicilio, na vía pública, cando participan en viaxes, no banco ou en caixeiros e, por último, a través de internet.

A ciberdelincuencia ocupou parte desta conferencia, porque “os delitos tecnolóxicos están á alza con modalidades coma as chamadas estafas do amor, o envío de mensaxes fraudulentas ou fraudes no uso de tarxetas bancarias”, destacou o garda civil. Por iso é preciso incidir nas medidas de seguridade e protección que deben tomarse e tamén informar sobre os pasos a seguir cando alguén é vítima dun delito.

AdministraciónCerca2

Volver