- Distribuiranse de xeito gratuíto nas mesas informativas sobre reciclaxe que se desenvolverán nas vindeiras semanas
- Tamén poden solicitarse nas oficinas municipais, en horario de 8:00 a 15:00

Valga, 17 de setembro de 2025.
Seguir avanzando na recollida separada dos diferentes tipos de residuos é unha das metas do goberno municipal en materia de xestión do lixo, tanto polas melloras ambientais como pola redución de custos para as arcas locais que isto supón. É por iso que o Concello desenvolverá unha nova iniciativa consistente no reparto entre a veciñanza de imáns con información sobre os contedores nos que deben depositarse os diferentes tipos de residuos.
Están pensados para colocar nas neveiras dos fogares, de xeito que os veciños teñan sempre a man e dispoñible información para resolver as dúbidas que poidan ter á hora de separar os residuos xerados nos seus fogares.
Ademais, tamén inclúen información sobre o servizo do Punto Limpo e os seus horarios de apertura.
Adquiríronse un total de 1.000 unidades que serán repartidas de xeito gratuíto nas mesas informativas sobre reciclaxe que está previsto desenvolver nas próximas semanas. Tamén poden solicitarse nas oficinas do Concello.
Esta iniciativa é financiada cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciada polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da UE.








