- Permitirán reforzar zonas nas que actualmente o servizo é insuficiente e establecer outras en base ás necesidades detectadas polos técnicos
- O investimento foi de 6.751 euros e financiáronse cunha subvención da Consellería do Medio Ambiente

Valga, 28 de outubro de 2025.
A Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular e as directivas da Unión Europea sobre residuos obrigan a que, dende o 1 de xaneiro de 2025, se leve a cabo a recollida separada dos residuos téxtiles.
O Concello de Valga conta cunha rede de contedores de recollida deste tipo de residuos nos que os veciños poden depositar roupa que aínda pode reutilizarse, prendas rotas ou inservibles, calzado, bolsos, carteiras, mochilas...
A empresa Insertega encárgase da súa recollida e realiza un cribado para separar as prendas que aínda poden ter unha segunda vida daquelas outras que xa non poden aproveitarse.
As primeiras son doadas para familias e persoas sen recursos, mentres que a roupa inservible se traslada a unha planta de reciclaxe para convertela noutro tipo de fibras téxtiles coas que producir trapos, material illante ou de recheo.
Os contedores para depositar este tipo de lixo atópanse nos seguintes lugares:
- Estrada PO-220, no cruce xunto ao Bar Pardal
- Albergue de peregrinos
- Igrexa - Setecoros
- San Miguel - Xunto á igrexa
- Avenida da Coruña - Parada de taxis
- Senín - Parque
- Xanza - Cruceiro
- Centro de Saúde
- Devesa - Parque
- Estrada PO-548 - Fronte ao bar Pirata
- Barcia - Parque
- Beiro - Xunto ao colexio Ferro Couselo
- Carballa - Cruce do Teleclub
- Moldes - Parque
- Vilarello - Cruce cara a praia fluvial
- Punto Limpo
Pero para reforzar aínda máis este servizo, o Concello vén de adquirir catro novos contedores, que foron subministrados pola empresa Laín Contenedores e tiveron un custo de 6.751,80 euros, dos que 5.022 corresponden a unha subvención da Consellería do Medio Ambiente, concedida a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciada polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da UE.
Os Novos contedores permitirán reforzar algunhas zonas que actualmente están desbordadas, coma o Centro de Saúde, e, ademais, elixiranse outras ubicacións en base ás necesidades detectadas polo Servizo Municipal de Medio Ambiente e Residuos.
Dende o Concello lémbrase á veciñanza a importancia de que os residuos téxtiles non se depositen nos contedores verdes de fracción resto, aínda que estean sucios.
Calcúlase que en España xéranse anualmente máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles, das que unicamente se recuperan 110.000 toneladas, sendo un dos sectores con máis impacto negativo no medio ambiente.








