- A compostaxe foi implantada polo Concello no ano 2020 como modelo para a separación dos biorresiduos,
- Nestas visitas compróbase o traballo realizado ata o momento e ofrécense consellos aos usuarios

Valga, 17 de setembro de 2025.
Valga implantou, en 2020, a compostaxe como sistema de separación e reciclaxe de residuos orgánicos e, dende aquel ano, téñense distribuído máis de 1.000 composteiros individuais en vivendas do municipio e entraron en funcionamento dous centros de compostaxe comunitaria (na Avenida da Coruña e na rúa Doutor de Oya Salgueiro) e outros catro en grandes produtores: colexio Baño-Xanza, restaurante Gran Barril, empresa Extrugasa e hotel Corona de Galicia.
Grazas á aceptación que tivo entre a veciñanza, este modelo está a acadar obxectivos en canto á separación dos biorresiduos, evitando o seu depósito nos contedores da fracción resto e converténdoos en fertilizante natural para hortas e xardíns. Para dar apoio aos veciños que contan con composteiros nos seus domicilios e asesoralos, persoal da empresa Enxamio, contratada polo Concello, está a realizar nestas semanas visitas individualizadas de seguemento e control.
Realizaranse un total de 202 visitas a outras tantas vivendas para comprobar o funcionamento dos composteiros e revisar o traballo realizado ata o momento en cando á cantidade de residuos aportada e á temperatura acadada no proceso de compostaxe. Ademais, tamén se aproveitan estas visitas para resolver dúbidas que poidan ter os usuarios e ofrecerlles consellos para sacar un maior rendemento aos seus composteiros.
Nesta acción estanse a investir 7.619’37 euros, dos que 5.667’30 corresponden a unha subvención da Consellería do Medio Ambiente, concedida a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciada polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da UE.
Os restantes 1.952 euros son financiados polo Concello con fondos propios.








