- Á actividade, promovida por Latexos de Turismo e Vilarello Paradise, desenvolverase os días 23 de novembro e 21 de decembro
- Basearase no relato que José Piñeiro Ares fixo dos primeiros anos de vida da artista no libro “La trágica infancia de Agustina Otero Iglesias”
Valga, 12 de novembro de 2025.
A Bella Otero e, concretamente, os anos da súa infancia que pasou en Valga protagonizan durante as vindeiras semanas unha tertulia e unha ruta nas que se enxalzará a figura da mundialmente coñecida artista da Belle Époque partindo dos seus primeiros anos –que estiveron marcados pola traumática violación sufrida– e do seu contexto familiar, que posteriormente definiron o seu carácter como personaxe e a axudaron a construír un legado que perdura ata o día de hoxe.
Así o explica Minia del Río, da empresa Latexos de Turismo, que promove esta iniciativa cultural coa participación tamén de Vilarello Paradise, a cafetería da área fluvial de Vilarello. Neste establecemento celebrarase o domingo 23 de novembro a primeira parte da actividade, unha tertulia a partir das 17:30 horas na que se “ofrecerá información sobre aqueles primeiros anos de vida da Bella Otero, baseándonos principalmente no libro “La trágica infancia de Agustina Otero Iglesias”, de José Piñeiro Ares. Botaremos unha mirada a aquela etapa e reflexionaremos sobre como influíron as circunstancias da súa nenez” na traxectoria posterior da bailarina, engade Minia del Río.
A segunda experiencia terá lugar o 21 de decembro, tamén pola tarde, cun percorrido guiado por diferentes lugares relacionados coa Bella Otero tanto en Valga coma en Pontecesures, que naquel entón eran un mesmo concello. O Parque Irmáns Dios Mosquera, onde se erixe a estatua en homenaxe á artista; ou a Tarroeira, zona na que se produciu a violación, serán algunhas das paradas. O itinerario chegará tamén a Pontecesures, seguindo o itinerario que a diario realizaba a pequena Agustina para ir á escola.
As persoas interesadas na actividade poden solicitar información ou inscribirse a través do teléfono 617 42 12 76.
A Bella Otero naceu en Valga o 19 de decembro de 1868, tal e como indica a partida bautismal que se expón no Museo da Historia. Este documento, datado o 20 de decembro daquel ano, indica que Agustina de Carmen Otero –artísticamente coñecida co nome de Carolina– naceu “o día anterior, filla de pai incógnito e de Carmen Otero”.








