- Ademais da nova capa asfáltica, nalgúns tramos tamén se reporán canalizacións e abriranse cunetas
- As actuacións, coas que se reforzará seguridade viaria, fináncianse a través do plan + Provincia da Deputación
Valga, 7 de novembro de 2025.
O Concello vén de sacar a contratación un proxecto de mellora de estradas de titularidade municipal que recolle actuacións nun total de dezaseis vías. Trátase de estradas e pistas que se atopan en malas condicións para a circulación, polo que é preciso proceder ao seu acondicionamento e reparación para poder dar un servizo axeitado aos usuarios, tanto vehículos coma peóns, mellorando a seguridade.
As estradas obxecto de intervención atópanse nos seguintes lugares: Porto Piñeiro, Gándara, Balleas, Outeiro, Vilarello, Baño, Campo-Xanza, A Torre, Parque Empresarial, O Coto, Pumariño, Belén, Devesa-Quinteiro, Fontenlo, Outeiriño e Sixto.
As obras que comprende o proxecto inclúen a limpeza do firme e das marxes con medios mecánicos e dotación dun novo firme de cinco centímetros de espesor, con mestura bituminosa en quente. Nalgúns tramos tamén están prevista a reapertura de cunetas e a reposición de canalizacións de servizos e elementos complementarios coma pozos de rexistro, arquetas ou sumidoiros.
As empresas teñen de prazo ata o día 2 de decembro ofertas coas que optar á adxudicación da obras, que se financian a través do Plan +Provincia da Deputación e teñen un orzamento de 360.510’35 euros.







