Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O obxectivo é ofrecer aos alumnos ferramentas para sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías

- Para as vindeiras semanas están programadas outras dúas actividades sobre compras seguras en Internet e intelixencia artificial

CemitInformatica1

Valga, 6 de novembro de 2025.

Sesenta usuarios da Aula CeMIT, divididos en cinco grupos, están a participar dende comezos de outubro en cursos de iniciación á informática, administración electrónica e manexo do teléfono móbil co obxectivo de ofrecerlles ferramentas que lles permitan sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías e empregalas na súa actividade cotiá.

No curso relacionado coa administración electrónica explícanse algúns dos servizos públicos que empregan as novas tecnoloxías e procesos dixitais para gañar en eficiencia e accesibilidade e permitindo realizar trámites en liña. Tamén se abordan sistemas de identificación coma a Chave 365, Cl@ve ou o DNI electrónico, así coma o certificado dixital e cales son os pasos para obtelo.

Os participantes están a coñecer algúns trámites electrónicos que ofrecen as administracións públicas (Seguridade Social, Axencia Tributaria, Concellos…) e como realizalos.

Nas clases de iniciación á informática, o alumnado coñece os elementos básicos do ordenador e as súas utilidades, familiarizándose co uso dun sistema operativo, do teclado e do rato. Outros dos contidos deste curso son a xestión de arquivos e cartafoles, o emprego de diferentes programas e de dispositivos de memoria externos. Crear, editar e imprimir documentos e navegar por Internet son outros dos puntos clave desta actividade formativa.

Por último, tamén se está a desenvolver o obradoiro “Aprende a utilizar o teu móbil”, centrado nos teléfonos Smartphone e nas súas potencialidades. Coñecer o dispositivo e o seu manexo básico, aprender a almacenar recursos dixitais, navegar por internet, empregar o correo electrónico e outras aplicacións forman parte dos contidos formativos deste curso.

Para as vindeiras semanas están programadas outras dúas actividades para as que xa está aberta a inscrición:

  • O obradoiro “Prepárate para un Nadal ciberseguro”, para facer compras en liña sen riscos e evitar estafas a través de internet.
  • O curso “Crea Contido coa Intelixencia artificial”

CemitInformatica2 CemitInformatica3

Volver