Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Foi aprobada inicialmente polo Pleno e determina as especies permitidas, as distancias de plantación e as obrigas dos propietarios

- Tamén se actualizaron as ordenanzas do servizo de abastecemento de augas e da recollida do lixo

PlenoXunho25 2

Valga,  4 de novembro de 2025.

O Pleno aprobou onte unha nova ordenanza reguladora da limpeza de fincas, distancia de plantacións e xestión da biomasa que afecta aos terreos de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado; é dicir, os máis próximos ás vivendas. O obxectivo deste novo regulamento municipal é contribuír á prevención dos incendios forestais, dando así continuidade aos traballos de inspección que, en colaboración coa empresa pública Seaga, se iniciaron a finais do pasado ano nas denominadas “faixas secundarias”, que son os marxes de protección de 50 metros arredor dos núcleos.

A nova ordenanza, que se exporá ao público durante 30 días, foi aprobada inicialmente cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG. Nela establécense as condicións nas que os propietarios e responsables dos terreos deben levar a cabo a xestión da biomasa forestal e a fixación de distancias para plantacións. Por exemplo, en solo urbano, urbanizable delimitado ou de núcleo rural non poderán existir especies pirófitas (pinos, eucaliptos ou acacias, que propagan o lume con facilidade). E, no resto de especies, a distancia mínima entre plantas será de sete metros.

Tamén se fixa a distancia mínima das diferentes especies con respecto a estradas e camiños (entre 2 e 4 metros en función da especie) e coas parcelas estremeiras (2 metros).

Os propietarios deberán executar a xestión da biomasa antes do 30 de maio de cada ano. En caso contrario o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria repercutindo os custos dos traballos ás persoas responsables dos terreos que, ademais, poderían enfrontarse a sancións de entre 100 e 3.000 euros en función da gravidade das infraccións.

Na mesma sesión ordinaria tamén se aprobaron (cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do PSOE e abstención do BNG) modificación da ordenanza fiscal e do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga.

Estes cambios veñen motivados pola próxima execución de melloras na rede de abastecemento encamiñadas a aumentar o control do sistema de distribución de caudais e minimizar as perdas de auga. Cunha subvención de Augas de Galicia, levarase a cabo unha substitución parcial do parque de contadores, coa instalación de sistemas de telelectura. Nesta primeira fase o cambio afectará a 200 contadores no núcleo de Pontevalga.

Os novos aparellos serán propiedade do Concello, que se encargará do seu mantemento e lectura. Os beneficiarios aboarán unha taxa de alugamento de 1 euro mensual, que “é menor ao custo total do servizo”, sinalou o alcalde. Actualmente son os usuarios do servizo os que se fan cargo do mantemento dos contadores o que, nalgúns casos, dificulta as lecturas debido ás deficiencias atopadas.

Tamén en relación coas ordenanzas municipais, foi aprobada (cos votos a favor do grupo de goberno e en contra dos grupos da oposición) a actualización da taxa polo servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos. O incremento para as vivendas será de 1 euro mensual. Tamén se establecen aumentos para os resto de usuarios, dende pequenos comercios a grandes industrias.

Por último, na sesión debatiuse unha moción do BNG na que se propoñía ao Concello a cesión á Xunta de Galicia duns terreos de propiedade municipal en Pontevalga para a construción de vivenda pública. O alcalde aclarou que eses terreos non “reúnen os requisitos” e engadiu que “estamos de acordo en que é preciso actuar en materia de vivenda e, en canto o Concello conte con terreos, poñerémolos a disposición”.

A moción foi rexeitada polo grupo de goberno, mentres que BNG e PSOE votaron a favor.

Volver