- Diríxese aos colectivos con máis dificultades de inserción: maiores de 52 ou menores de 30 anos, mulleres desempregadas ou persoas con discapacidade
- Ofrecerase formación e prácticas non laborais nos sectores con maior demanda de traballadores: construcións metálicas, alimentación, hostalería…
Valga, 4 de novembro de 2025.
O Concello de Valga, xunto con Dodro, Padrón, Rois, Pontecesures e Catoira, participa nun novo Plan Integrado de Emprego, un proxecto orientado a ofrecer formación aos colectivos con máis dificultades de inserción laboral e no que poderán participar un total de 100 persoas desempregadas. Maiores de 52 anos ou menores de 30; perceptores de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción; persoas desempregadas con discapacidade; e mulleres desempregadas son os sectores poboacionais prioritarios aos que se dirixe o programa.
Formaranse en sectores como o de alimentación, construcións metálicas, téxtil, confección, comercio, márketing e loxística, administración e xestión, hostalería e turismo, actividades socio sanitarias e imaxe e son. Ademais, os participantes tamén recibirán outra formación transversal en informática e competencias dixitais e realizarán prácticas non laborais.
Os participantes no programa deben estar inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia. Percibirán unha bolsa de 10 euros ao día pola asistencia as diferentes accións que se desenvolverán, entre elas orientación e asesoramento laboral individualizado, talleres de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de mobilidade laboral, habilidades sociais e entrevistas, accións de mediación con empresas, fomento do autoemprego e formación para o emprego nos sectores que xeran máis traballo e que presentan maiores potencialidades de emprendemento no ámbito territorial de actuación.
Establécense, ademais, unha serie de medidas de conciliación das que poden beneficiarse as persoas seleccionadas: atención personalizada, tanto presencial como telemática; flexibilidade horaria; adaptación das accións do programa aos horarios dos servizos educativos e de atención á dependencia; ou posibilidade de realizar accións formativas na modalidade online ou mixta.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información no departamento de Orientación, Formación e Emprego do Concello.
O anterior Programa Integrado de Emprego, que se desenvolveu durante este ano 2025, conseguiu a inserción laboral do 41% dos participantes. No caso de Valga esta porcentaxe foi incluso superior á media xeral, xa que dos 21 participantes locais atoparon emprego 12, o que representa o 57’14%.








