- O alcalde e representantes do Ministerio de Transportes visitaron o viaduto construído en Castiñeiras para reforzar a seguridade na contorna da vía
- Bello Maneiro insistiu na importancia que tería para Valga acadar unha parada do tren

Valga, 29 de outubro de 2025.
Persoal do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) estivo esta mañá no lugar de Castiñeiras para comprobar o resultado do proxecto de eliminación do paso a nivel que existía neste punto e que, dende finais do verán, está xa inhabilitado. A solución adoptada foi a construción dun viaduto sobre os raís e a continuación das estradas paralelas aos mesmos, para garantir a conexión entre ambas marxes da vía férrea.
O subdirector de Pasos a Nivel e Instalacións de Protección e Seguridade do ADIF, Roberto Muela, foi quen participou na visita, acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. En representación do goberno local tamén estiveron os concelleiros Carmen Gómez, José Ángel Souto e Malena Isorna.
Ademais de inaugurar oficialmente as infraestruturas que acaban de construírse e nas que se investiron arredor de tres millóns de euros, os responsables do ADIF e do Concello puxeron de manifesto a súa intención de seguir colaborando para erradicar os pasos a nivel de Valga. Quedan dous, un no lugar de Vilar e outro no límite con Pontecesures. “O horizonte temporal no que nos movemos é que dentro de tres anos non haxa ningún paso a nivel en Valga”, afirmou Roberto Muela, e para iso estase xa en conversas para definir os proxectos que permitan acadar estes obxectivos. “As negociacións co Concello de Valga están avanzadas”, confirmou o subdirector do ADIF, pero aínda teñen que redactarse os proxectos e pasar polo Pleno para que os valide.
Investimentos coma o que acaba de realizarse para construír a nova ponte de Castiñeiras “reverten en seguridade e permiten aos cidadáns cruzar as vías sen arriscar as súas vidas. Porque a existencia de pasos a nivel supón un punto negro dende o punto de vista da seguridade”, remarcou Roberto Muela. Nese sentido, puxo de manifesto que Valga “ten dende fai tempo sensibilidade ao respecto deste tema, como consecuencia dun accidente que todos temos en mente. Grazas a esa sensibilidade do Concello e, en particular, do alcalde, nuns anos poderemos deixar Valga limpo de pasos a nivel”, insistiu.
Bello Maneiro ratificou que o Concello de Valga “sempre estivo e seguirá estando naqueles proxectos que melloren a seguridade dos nosos veciños”. Ao respecto da obra inaugurada hoxe, o Concello realizou as xestións para adquirir os terreos e pagounos, o resto do investimento correspondeu ao ADIF. “A nosa intención é seguir colaborando para garantir ao cen por cento a seguridade na contorna da vía do tren ao seu paso polo noso concello”. O alcalde comentou que “xa temos visto sobre o terreo cales serían as alternativas para suprimir os dous pasos a nivel que aínda existen. Un deles require tamén negociacións entre o ADIF e o Concello de Pontecesures, pero Valga xa lle trasladou ao ADIF que está en disposición de que a solución, se tecnicamente é viable, pase por terreos do noso Concello”.
O rexedor referiuse, ademais, a outra das aspiracións do Concello a nivel ferroviario: que o tren pare en Valga. “Ogallá que na próxima visita que realicen os representantes do ADIF poidan baixar do tren en Valga, xa que suporía outro paso importantísimo. Fálase moito da necesidade de fixar poboación no rural e esa sería unha forma fantástica de facelo”, considera Bello Maneiro. Ao respecto, reflexionou sobre a gran cantidade de persoas que, a diario, se desprazan a Valga para traballar, xa que as empresas da contorna suman arredor de 2.000 empregos. “Ofrecerlles unha alternativa de mobilidade a través do tren permitiría, ademais, reforzar a seguridade viaria ao haber menos desprazamentos por estrada e tamén tería consecuencias a nivel ambiental, con menos coches circulando”, concluíu o alcalde.
Por último, o subdelegado do Goberno apelou ao espírito de colaboración entre o Concello e o Goberno Central que permitiu levar a cabo as obras que hoxe visitaron e, deste xeito, “avanzar na calidade de vida dos cidadáns”.
 
 

 
										 
										 
										







