Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira de Educación acompañaron a Román Rodríguez e ao equipo directivo do instituto no acto

- As instalacións dotaranse dun novo sistema de ventilación e extracción de gases

RománIES1

Valga, 24 de outubro de 2025.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, realizou esta mañá unha visita ao IES Plurilingüe de Valga para anunciar o investimento de máis de 200.000 euros na mellora dos talleres de Formación Profesional. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron ao responsable autonómico e ao equipo directivo do IES, que dende comezos deste curso ten á fronte a Conchi Paz.

A actuación anunciada polo conselleiro está incluída nos orzamentos do vindeiro ano e con ela “buscamos incrementar a seguridade dos talleres de soldadura, garantir o bo funcionamento de todos os equipos e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións”, explicou Román Rodríguez. A intervención consistirá na dotación dun sistema de ventilación de gases, para o que se desmontará por completo a instalación existente para colocar novos extractores, condutos e brazos de aspiración, xunto coa instalación eléctrica necesaria para o funcionamento dos novos equipos. A previsión é licitar a obra ao longo de 2026.

En concreto, actuarase en dous talleres. Nun deles instalaranse un equipo de extracción e filtrado de gases e dous ventiladores para as cabinas de soldadura con brazos articulados para que a extracción sexa localizada. No segundo taller colocaranse tres extractores, xa que son 6 as mesas de soldadura coas que conta.

“Continuamos renovando as instalacións e equipamentos da FP galega, unhas ensinanzas que son un referente de calidade e que non paran de medrar. De feito, este curso bateron un récord histórico de 71.229 estudantes”, salientou o conselleiro, destacando o dinamismo deste instituto, que conta con 228 alumnos matriculados en ciclos formativos.

O IES de Valga “é un centro moi vencellado ao sector empresarial da súa contorna, na que destaca o sector do metal. Por iso todo o relacionado coa soldadura e mecatrónica son perfís profesionais moi demandados, o que posibilita que haxa unha inserción practicamente inmediata”, destacou o conselleiro. Isto, engadiu, “implica que nos talleres o IES sexa sempre necesario introducir melloras para posibilitar o proceso formativo e que os mozos saian cualificados”.

Durante a visita, o alcalde amosouse agradecido á Consellería “por estar ao lado do noso instituto e contribuír a mellorar a formación dos seus alumnos”. Ademais, transmitiu os parabéns ao equipo directivo. “Esperamos, dende o Concello, estar tamén á altura e manter a colaboración permanente co IES para seguir ofrecendo alternativas formativas aos mozos valgueses e persoal cualificado ás empresas asentadas” no termo municipal.

Pola súa parte, a directora tamén agradeceu ao conselleiro “a boa nova que nos trouxo hoxe porque dá un empurrón máis ao noso filón, que son os ciclos formativos e que este novo equipo directivo queremos seguir fortalecendo”.

RománIES2 RománIES3

Volver