Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unha carpa, instalada na Avenida da Coruña, ofreceu información sobre a recollida separada destes residuos

- Nas vindeiras semanas a actividade achegarase tamén ao Auditorio Municipal e ao Centro de Saúde

CaraReciclaxe1

Valga, 24 de outubro de 2025.
A Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular e as directivas da Unión Europea sobre residuos obrigan a que, dende o 1 de xaneiro de 2025, se leve a cabo a recollida separada de téxtiles e de aceite usado. Para concienciar sobre o impacto negativo que estes dous tipos de residuos poden ter no medio ambiente e incidir na necesidade dunha correcta separación e reciclaxe dos mesmos, o Concello pon en marcha unha campaña informativa que, nas vindeiras semanas, se moverá por diferentes zonas do municipio.

As actividades deron comezo esta mañá coa instalación dunha carpa informativa na Avenida da Coruña, nas inmediacións do Centro de Compostaxe Comunitario. Os veciños que se achegaron ata o stand recibiron información sobre a correcta xestión destas dúas fraccións de residuos e como desfacerse deles sen danar o medio ambiente. Prácticas coma a de tirar o aceite doméstico usado polo vertedoiro ou polo inodoro son tremendamente nocivas, mentres que o sector téxtil é un dos que maior impacto negativo xeran no medio ambiente, con máis dun millón de toneladas de residuos ao ano.

Ademais do Punto Limpo, un servizo que é gratuíto para os veciños de Valga, o Concello conta cunha rede de contedores distribuídos por todo o termo municipal para que a poboación poida depositar tanto aceite doméstico coma restos téxtiles. No caso da roupa e calzado, ademais, está en marcha unha campaña de recollida de prendas usadas para distribuír entre familias locais en situación de vulnerabilidade. Poden levarse ao CODI en horario de mañá.

Todas as persoas que acudiron á carpa recibiron un embudo para facilitar a reciclaxe do aceite doméstico e tamén un imán con información sobre a correcta separación dos diferentes tipos de residuos e sobre o departamento de Medio Ambiente do Concello. O reparto destes materiais realizarase tamén durante as visitas de control aos composteiros domésticos cos que contan arredor de 1.000 vivendas de Valga e os veciños tamén poden solicitalos de xeito gratuíto nas oficinas municipais.

CaraReciclaxe2 CaraReciclaxe3

Estas actividades de concienciación sobre a reciclaxe estanse a desenvolver grazas ao apoio económico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través dunha orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal e, en concreto, para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles.

Nas vindeiras semanas a carpa informativa trasladarase a outras dúas ubicacións. O venres, 31 de outubro, estará no Auditorio Municipal en horario de tarde, coincidindo coa festa do Samaín; e o 7 de novembro colocarase no Centro de Saúde.

A campaña culminará o día 14 de novembro cun evento final no que, entre outras cousas, se amosarán algúns produtos elaborados con residuos de aceite. Tamén participarán especialistas en reutilización e customización de roupa.

Volver