- O Concello, cunha subvención da Xunta de Galicia, está a investir case 130.000 euros nesta nova fase de obras
- Os traballos céntranse no vial sur-este, entre as instalación do grupo ODL e a antiga Intavalsa
Valga, 23 de outubro de 2025.
A área empresarial de Campaña e Xanza afronta unha nova fase de melloras das súas infraestruturas viarias co obxectivo de seguir mellorando a conectividade interior e exterior desta zona, na que se atopan emprazadas cinco grandes empresas valguesas que suman arredor de 2.000 empregados.
A necesidade de contar con estradas acordes ao crecemento e desenrolo da actividade industrial levou ao goberno local a promover o acondicionamento dos accesos para garantir seguridade nesta contorna, tendo en conta o importante tráfico de mercadorías e vehículos pesados que soporta e elevado número de turismos que se concentran.
Nestes momentos atópase en execución unha nova fase de melloras, nas que se está a realizar un investimento de 128.809’23 euros. Os traballos céntranse no vial sur-este da zona empresarial, que discorre entre o recinto do grupo ODL e as antigas instalacións de Intavalsa, actualmente propiedade de Urovesa.
As actuacións proxectadas inclúen a ampliación da vía destinada á circulación de vehículos, a creación de beirarrúas de dous metros de ancho, a instalación de tubaxes para os servizos de abastecemento, recollida de augas pluviais e alumeado público, a colocación en todo o trazado de pozos e arquetas de rexistro, a construción dun muro de contención e, por último, o pavimentado da calzada e o pintado de sinalización horizontal en todo o tramo, incluíndo prazas de estacionamento.
O Concello e a Xunta de Galicia, cofinancian as obras a través dunha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.








