Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No exterior colocouse un pasamáns na rampla de entrada a tamén se instalará unha cuberta

- No interior estanse a reformar os baños da planta baixa e a Oficina Técnica

ObrasConcello1

Valga, 22 de outubro de 2025.

A Casa do Concello atópase en obras que permitirán mellorar tanto a accesibilidade ao edificio coma a prestación de servizos. Os traballos, que se atopan xa avanzados, céntranse na planta baixa do inmoble, co obxectivo de solucionar unha serie de problemas derivados da antigüidade do inmoble e ofrecer unha mellor e máis eficaz atención á veciñanza.

As actuacións a executar na parte exterior do edificio consisten na colocación dunha varanda de aceiro inoxidable, a modo de pasamáns, na rampla de entrada e tamén na instalación dunha cuberta que protexa das inclemencias meteorolóxicas ás persoas que acudan á Casa Consistorial a realizar algún trámite.

No interior, unha das zonas afectadas son os baños da planta baixa, que se están a renovar de forma integral. As melloras afectan tanto á instalación de fontanería, coma ao pavimento, os alicatados e colocación de novos elementos sanitarios (inodoros, lavabos, papeleiras, toalleiros e secamáns). Un dos aseos contará, ademais, con equipamento para persoas con mobilidade reducida.

Outro dos espazos que se está a acondicionar é a Oficina Técnica, coa colocación de novo piso e falso teito, pintado das paredes e a instalación mobiliario: mesas, cadeiras, armarios arquivadores e caixoneiras.

Por último, o proxecto recolle actuacións nas ventás e cristaleiras das escaleiras de acceso á planta superior e tamén se impermeabilizou a terraza para evitar filtracións de auga.

Nestas obras estase a realizar un investimento de 50.000 euros, cofinanciados entre o Concello e Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas destinada á mellora das infraestruturas, dotacións e instalacións vencellados á prestación de servizos municipais.

ObrasConcello2 ObrasConcello3

 

Volver