- Dezaoito persoas participaron nesta actividade, que forma parte do programa “Finanzas para todos” sobre a economía doméstica
- Este xoves o vindeiro martes continúan os talleres, que tratarán a prevención fronte ao fraude ou como nos afecta a inflación no día a día
Valga, 21 de outubro de 2025.
O programa de educación financeira que o Banco de España está a desenvolver nas Aulas CeMIT en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) recalou hoxe en Valga cun novo obradoiro no se abordaron cuestións relativas aos billetes e moedas de euro e no que participaron un total de 18 persoas. Iria Méndez encargouse de dirixir a actividade, que ten como obxectivo final que os asistentes aprendan a manexar de xeito fiable e seguro as súas finanzas persoais e cotiás, minimizando os riscos que poidan poñer en perigo a súa solvencia económica.
¿Como detectar un billete ou unha moeda falsa? Esta foi unha das partes centrais do obradoiro. As persoas participantes manipularon billetes e moedas de curso legal para analizar as súas características, os elementos de seguridade e de deseño que os fan diferenciais e que permiten distinguilos fronte ás falsificacións. No caso dos billetes, o método “tocar, mirar e xirar” é o máis efectivo, xa que permite comprobar a súa rugosidade, apreciar as marcas de auga e outros efectos ópticos. No caso das moedas a regra dos cinco pasos é a máis efectiva, fixándonos na cara común das moedas, o ano no que foron acuñadas, as súas propiedades magnéticas, as zonas rugosas e o aliñamento das imaxes.
Outra das cuestións que se abordaron na sesión desta mañá foron o dereito dos consumidores a pagar en efectivo, explicando algúns dos métodos máis novidosos para acceder a el coma o “cashback” ou “cash in shop”, cos que algúns establecementos minoristas poden permitir aos seus clientes a retirada de pequenas cantidades en efectivo.
O xoves continúan as actividades de educación financeira con outro obradoiro no que se tratarán diferentes medios de pago e formas de financiamento e se explicará como afecta a inflación no día a día, incluíndo pequenas prácticas nos equipos informáticos da Aula CeMIT. Na última xornada, o día 28, os asistentes aprenderán a deseñar un orzamento persoal para ter un mellor control das súas finanzas, ademais de recibir algúns consellos de prevención fronte ao fraude.









